Josu Jon Imaz

O PP non atopa o seu sitioFaltoulles pouco aos do PP para celebrar a marcha do Presidente do PNV. Seguen nas teses de que cando peor mellor. Centrados nunha política que busca o enfrontamento entre os territorios como base do seu oportunismo político. Fáltalles ambición de país, ou mellor dito, fáltalles ambición democrática para entender a riqueza plurinacional que dá sentido ao término España.

A marcha de Josu Jon Imaz é negativa para a política española. A súa xestión trouxo un pouco de serenidade ao conxunto da política vasca e da loita antiterrorista, tan necesitada de expulsar ás posturas maximalistas que conducen a ningures.

Teño claro que é unha das consecuencias do fracaso do Proceso de Paz, que nos debera ter conducido á disolución de ETA e a normalización democrática. Polo tanto, o Presidente do Euskadi Buru Batzar é tamén unha das vítimas da radicalidade política de aqueles que apostaban polo fracaso do Presidente Zapatero na súa pretensión de pór fin definitivo á violencia política.

A diferenza cos procesos anteriores, por primeira vez na nosa historia democrática, o Goberno lexítimo de España non só tivo que facer fronte a ETA. Senón que o principal partido da oposición apostou claramente por utilizalo terrorismo como arma política e de enfrontamento entre os cidadáns, aínda a costa de romper á sociedade civil.

O PP é culpable de deslealdade cos cidadáns. Os seus intereses electoralistas, o seu rancor pola perda das anteriores eleccións, levounos a alimentar politicamente aos que están contra do Estado de Dereito. ETA creu ver aí o punto débil de Zapatero. Ou obtiñan contraprestacións importantes no proceso ou a dereita española esnaquizaría ao PSOE. Ou iso pensaban.

E no PP que se Zapatero cedía ante a presión da dereita, estarían ás portas da derrota electoral do PSOE. E senón o facía, este sería acusado de colaboración cos terroristas.

Máis os cidadáns sabemos das dificultades da loita contra terrorista. Durante anos perdoamos a todos os Gobernos de España os seus erros, máis non perdoamos a deslealdade do principal partido da oposición na loita antiterrorista, da súa burda manipulación das vítimas de ETA. Por iso o PP está como está. Histéricos por situarse á cabeza da sucesión de Rajoy, histéricos porque, por fin fóra do PSOE, Rosa Díez pretenda competir en españolismo rancio coa dereita.

Efectos Negativos

Non todo está feito para os socialistas. Teñen o risco de non motivar ao seu electorado nas vindeiras eleccións de marzo; e o PP non pode marcar o seu discurso, outra cousa é que desde o PSOE sexan necesarios máis didáctica, máis partido e máis militancia. Foi a España claramente de esquerdas a que votou contra Aznar o 14M, por iso erros como os cometidos en Navarra ou Madrid, senón se corrixen, a poden desmobilizar. E seguro que Solbes sabe que os “técnicos” están para buscar solucións ás demandas da sociedade na súa pretensión de máis democracia e máis igualdade.

Chegou, tamén, o tempo de facer unha análise máis rigorosa do mal chamado Pacto polas Liberdades e da, cando menos excepcional, Lei de Partidos. Entre os efectos negativos están que os socialistas estiveran atados, amordazados e chantaxeados por esta Dereita radical e desleal.

Pero volvendo á orixe deste artigo. Mágoa da marcha de Josu Jon Imaz, porén é lóxico pensar que no PNV as voces sensatas van prevalecer. Son un partido centenario que apostou claramente pola democracia xa na Segunda República, estiveron na loita antifranquista e seguirán na loita contra ETA.

Sigo a pensar que Euskadi e a política española necesitan profundar nese acordo básico entre os socialistas, esquerda unida e o nacionalismo democrático.

Enlace a Vieiros

Enlace a Diario de Ferrol

Traducción ao español

Na Rede de Blogs Socialistas

Con (e contra) Reganosa (non) vale todo

Reganosa fóra da r�a de FerrolOs cidadáns estamos a nos acostumar a que os poderes públicos violentan o Estado de Dereito con tal de que as empresas – que moitas delas foron no pasado galegas, e hoxe xa non – poidan levar adiante os seus negocios. Tales feitos levan a situacións como as vividas estes días con Unión Fenosa, que coa presenza do Presidente da Xunta e do Conselleiro de Industria, pretendía dar por inaugurada este luns os seus ciclos combinados sen ter a pertinente licenza municipal. As denuncias dos veciños organizados na “Plataforma pola Eliminación das Liñas de Alta Tensión de Oseiro” ante a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia obrigou á empresa eléctrica a aprazar sine die tal inauguración por “razón técnicas”. E todo isto por darlle publicidade de balde a Reganosa na liña de presionar en favor da súa autorización definitiva, que hoxe non ten.

Os veciños de Mugardos están a ocupar o seu Concello por mor do falso Plan de Emerxencia Exterior de Reganosa, recentemente aprobado pola Xunta de Galicia. O pretendido plan “só afecta” aos catrocentos metros inmediatos á planta de gas, obviando a seguridade dos cidadáns situados aos dous quilómetros mínimos a que lle obriga as leis medioambientais, cunha lexislación cada día máis restritiva; e que xunto cos impedimentos que teñen os buques metaneiros en caso emerxencia na estreita ría de Ferrol, deixa fóra da legalidade á Planta de Gas e sen argumentos técnicos. Non valoro aquí a agresión medioambiental para as augas e a ría de Ferrol co circuíto aberto de Reganosa, nin o freo para a Candidatura “Patrimonio da Humanidade” dos Castelos do século XVIII.

Unha cousa é que a UPG e Paco Rodríguez renuncien en beneficio de que as empresas “galegas” radicadas en Madrid desfagan Galicia segundo lles conveña, máis o Presidente da Xunta debera facer país fronte a unha herdanza velenosa e inviable como Reganosa. Sobre todo porque o apoio político da administración galega impide que outros operadores europeos poidan facer no litoral exterior unha planta de gas catro veces superior ao proxecto perigoso, ilegal e non legalizable do Grupo Tojeiro. Algo que xa hai tempo coñecen por estar rexistrada a petición no Ministerio de Industria.

Tamén sería recomendable a elaboración dunha política industrial galega que mereza tal nome. Cando somos exportadores netos de enerxía o futuro industrial galego non pode seguir nas mesmas pautas fraguistas continuadoras do franquismo.

Quero salientar que o bo facer do Comité Cidadán de Emerxencia permitiu incorporar ao conxunto da poboación e dos movementos asociativos, especialmente na cidade de Ferrol. Mais, tamén nos últimos tempos, elementos oportunistas pretenden aproveitarse do traballo realizado desde o ano 2001.

Estes días atrás desde a Consellería de Sanidade desmentían a existencia de “Comisionados para a Catástrofes”, a conta de que un enfermeiro presentábase a si mesmo como voceiro ferrolán emitido informes contrarios a Reganosa. Probablemente, a pretensión de Sanidade era debilitar a loita contra a Planta de Gas, pero, resulta curioso que os feitos reforzan a posición do Comité Cidadán e de aqueles, que desde dentro din que, con e contra Reganosa non vale todo.

En resume: a Planta de Gas ao Porto Exterior de Ferrol. ¡En defensa da vida, da ría e da legalidade!

Publicado en Vieiros o 25 de xullo