Protesta contra Reganosa: ¡Ás 13.30 no Porto de Ferrol!

O metanero “LNG Oyo”, é o séptimo con destino a Reganosa, en ruta para entrar na estreita ría de Ferrol este venres 7 de setembro de 2007 ás 14:10 horas.

Construído no 2005 nos asteleiros coreanos Hyundai Heavy Ind., ten bandeira de Bermudas e o seu propietario é o BW Gas Norway. Cunha eslora de 285,40 metros ten capacidade para transportar 145.914 metros cúbicos de Gas Natural Licuado, trae unha carga de 63.681 toneladas de GNL equivalentes a 127.382 m3. Vén en ruta para entrar na ría de Ferrol este venres 7 de setiembre de 2007 ás 14:10 horas, con a única pleamar diurna, para repetir a amenaza á vida humana durante a súa entrada e descarga, pois este tipo de buques no caso dunha emerxencia, durante a descarga ou na súa navegación por dentro da Ría, non ten garantida á saída ao mar, con rapidez e polos seus medios, tal e como require a norma EN-1532 que é obrigatoria para Reganosa.

Segundo acordo da última Asemblea Cidadá do pasado 9 de agosto o Comité Cidadán de Emerxencia convoca una cacerolada nos muelles de Ferrol, para antes da pleamar diurna, sen descartar outras actuaciones.

¡Participa na cacerolada ás 13.30 horas en Curuxeiras, Ferrol Vello! ¡Reganosa fóra da ría de Ferrol!

Loito en Megasa

Este domingo pasado sobre a dez da mañá o compañeiro Iván Arnoso morría atropelado por unha pala mecánica. Tiña pouco máis de vinte e tres anos e levaba un par de meses na empresa.

Os traballadores de Megasa, en Narón, seguimos conmocionados, de loito. Sentímonos moi pretos da familia. O sentimos de verdade. Sabemos que non hai xeito de paliar a perda dun fillo, dun ser querido, sobre todo cando prodúcese por mor dun accidente laboral.

Dende un primeiro momento chamouse á familia, e a Empresa aceptou a solicitude do Comité e permitiu a súa entrada na fábrica, vivindo momentos moi tráxicos, sumados á espera polo xuíz para levantalo cadáver.

É obvio que as medidas de seguridade fallaron. Os tres informes (da policía científica, da local e da inspección de traballo) servirán para que queden claro os fallos, así como as responsabilidades de onde se poidan, incluso, derivar actuacións penais polo propio xuíz. Non se pode producir por ningunha circunstancia a morte de ningún traballador.

Pero, ademais de conmocionados pola morte de Iván, estamos a asistir a un debate sobre as declaracións feitas polo secretario comarcal da CIG en Ferrolterra, Anxo Pintos. A familia puido comprobar de primeira man as circunstancias da morte deste compañeiro e, polo tanto, enfrontalas ás descritas por Pintos nos medios de comunicación. Quizais isto non o sabían desde a central nacionalista.

Cremos na fábrica que as declaracións incendiarias de Anxo Pintos, que eu escoitei as dez da mañá do luns 13 na Radio Galega, onde se mesturaban temas, moitos falsos (p.e. non se pode falar de precariedade en Megasa cando os indefinidos están sobre o 95% dos empregados, asistindo ademais a un proceso de xubilacións importante; en Megasa hai comedores e a xente os utiliza, a pala mecánica ten cinco anos…), e outras medias verdades; tiñan como obxectivo instrumentalizalo accidente mortal para crear unha gran alarma social cos propósitos de dar a imaxe dunha empresa terceiromundista, un comité colaboracionista e uns traballadores, “pobriños nós”, necesitados dun “salvador”.

Estas declaracións non foron para solidarizarse co falecido, nin coa familia, nin cos traballadores. Nin foron unha axuda para ninguén. ¿Entón, cal é o obxectivo real?

Seguir lendo

¿”El Jueves” símbolo da liberdade de expresión?

Hai unhas horas escoitaba na Radio Galega as declaracións do Fiscal Xeral do Estado, que anda hoxe por aquí. Defendía a actuación do Xuíz Del Olmo e a Fiscalía no secuestro da edición desta semana do satírico “El Jueves”.

¿Mobilizaríranse os poderes do Estado se foran xente normal as satirizadas? ¿Ou se fosen José Luis e Sonsoles? Probablemente non. Ademais, desde o PP estarían acusando ao Goberno de ataque á liberdade de expresión.

¡Censura Non!A verdade que hai tempo que xa non merco esta revista. Pero, lembro que “cousas peores” teñen publicado. Tamén, é certo que non había necesidade de poñerlle caras coñecidas a esta portada, mais creo que aquí hai quen lle está facendo un fraco favor á Casa Real. (Cando menos un fiscal torpe – se foi por propia iniciativa, algo que dubido – e un “xuíz estrela” pendente dos medios de comunicación).

O asunto é que levamos xa unha temporada na que algúns pretenden usar o Código Penal para converter en delito actitudes ou declaracións non afectos cunha forma conservadora de entendela vida e a “sagrada unidade de España”. O auto do xuíz Del Olmo, secuestrando a revista, parécese moito á aquelas pretensións da extrema dereita que hoxe controla a AVT, en contra de grupos musicais vascos, ou a Ángel Acebes empeñado en dar carnés de patriotismo barato.

Ademais, considerar unha determinada pose como “denigrante e obxectivamente infamante”, non é máis que unha consideración persoal. ¿Desde a Audiencia Nacional preguntáronlle aos aludidos sobre as súas prácticas íntimas? Non creo. E de aí dicir que é un ataque ao “prestixio da Coroa” é pasarse catro pobos.

A portada é necia, si. Pero, o xuíz Del Olmo causoulle máis dano á Coroa que unha revista que distribúe 70.000 exemplares, e que probablemente grazas a el, no seguinte número serán 700.000. Ademais, porqué “El Jueves” e non todos estes programas “rosas” que enchen a televisión con verdadeiros ataques infamantes contra as persoas. ¿Lembrades cando foi aquilo da noiva nórdica de Felipe? Os ataques que a Casa Real e os seus membros recibiron por parte da dereita rosamediática eran verdadeiro golpismo periodístico. ¿Entón, por que si “El Jueves”?

Se non fose que a Fiscalía anda por medio pensaría que alguén lle quere facer un favor ao PP desviando a atención da “Crise Josep Piqué”.

Unha recomendación: que desde a xudicatura deixen pasar as augas que non han beber. Non vaia ser que acaben convertendo a esta revista nun símbolo da liberdade de expresión. Ademais, cando menos temos dereito a nos rir da Monarquía xa que non a podemos votar / botar.