O Comité Cidadán mantén vivos 7 contenciosos xudiciais contra Reganosa


Coñecíamos a posición do alcalde, pero a resposta dos socialistas, nacionalistas e un concelleiro de IF, agora próximo ao PP, eran incógnitas a resolver:

A primeira sorpresa foi a intervención de Xaime Bello, ex alcalde e voceiro do BNG ferrolán. A súa disertación daba, por momentos, a impresión de que os nacionalistas volvían ao punto de partida. Pero, non. Nun triplo salto mortal e tras conseguir do actual alcalde do PP, o desglose da votación en dúas – recurso 1242, e retirada de todos os contenciosos por parte do concello – o BNG votaba co PP, gañando Reganosa. Na votación abstivéronse 3 concelleiros socialistas –faltaban Carbajales e un de IF – e votaron coherentemente a Esquerda Unida de Yolanda Díaz e Miramontes e os outros cinco concelleiros de IF.

Na segunda votación, coa abstención de BNG e PSOE, e tras o empate, o voto de calidade do Alcalde conseguía a retirada dos restantes contenciosos xudiciais abertos polo Concello. Teño as miñas dúbidas de se é legal aprobar unha resolución con tan só sete votos de vintetrés. Aínda que unha parte deles foron á abstención, non hai maioría de votos favorables. En calquera caso, o alcalde debera deixar o asunto sobre a mesa e tratar de buscar un acordo de consenso en temas tan transcendentais. ¿Pode ser legal esta resolución do Pleno? Non sei, pero é ilexítima.

Obviamente, deixan sós aos veciños ferroláns e as súas asociacións ante o perigo… A pesar de todo, seguen vivos os 7 contenciosos contra Reganosa do Comité Cidadán, ademais tendo en conta que unha sentenza favorable ao concello ferrolán, foi refrendada por outra favorable ao propio Comité de Emerxencia. Hoxe, Reganosa aínda non ten permiso de funcionamento, nin D.I.A., nin Protocolo de Seguridade avaliado pola lexislación vixente. E sigue aberto o expediente na Comisión Europea. É dicir, aínda queda un longo camiño e moi difícil de sortear para os intereses desta empresa.

Evidentemente, vai traer repercusións políticas. O feito de ter obtido un apoio explícito do BNG e pasivo de tres concelleiros socialistas, para Juan Juncal é darlle a razón e facilitarlle o camiño de cara as eleccións de maio de 2007.

No BNG, esta pirueta pode acabar de afondarlle o chan electoral; ademais o acontecido acaba co seu discurso herdado da reconversión naval, porque se ben é certo, que os socialistas fixeron mal coa reconversión –aínda non houbo reindustralización – eles, os nacionalistas abríronlle a porta a unha ameaza directa á vida das persoas. Queda ver como vai afectar á seguridade da base naval ou á actividade do asteleiro militar de Navantia, evidentemente, poden deslocalizarse, pero, ¿Que facer coas persoas? De funcionar Reganosa, só poderíase… evacuala cidade de cada vez que entrara un metanero. Imposible.

Aquí é necesario facer un apunte sobre Xaime Bello. ¿Por que se presta a esta operación cando esta a retirarse da política activa? Así, o BNG non pode reivindicalo seu mandato, nin a súa figura política.

Como militante socialista non acabo de entender que tres compañeiros concelleiros poñan paus nas rodas da candidatura á alcaldía de Vicente Irisarri. Deixar todo en mans do paso do tempo –quedan seis meses para as eleccións locais – ou a que nada vai pasar por, aínda que sexa de forma pasiva, apostar por unha forma de capitalismo do século XVIII, é arriscarse a moito. En calquera caso, os tres quedaran para sempre vinculados a estes feitos. É dunha enorme gravidade a responsabilidade que asumen.

Juan Fernández, coa súa coherencia neste tema amosa que aínda ten recorrido e pode dar moita guerra dentro do campo da dereita. Queda Yolanda Díaz convertida na única voz da esquerda que merece o respecto cidadán, non é estraño que nas enquisas sexa a concelleira mellor valorada polos ferroláns.

Estes días polemizaba cunha amiga, a través do correo electrónico, pola súa integración en Terra Galega. Evidentemente, a miña argumentación de que a presentación de pequenas candidaturas, que dificilmente ían ter representatividade municipal, prexudicaba á esquerda e facilitaba a reelección de Juncal, e por extensión, favorecía a continuación de Reganosa. Hoxe esta opinión non se sostén. Para isto abonda coa auto inmolación dos concelleiros socialistas e nacionalistas.

Máis, sigo a considerar que a candidatura duns supostos “Verdes” é oportunista. Que pode distraer a votantes de Yolanda Díaz; de Terra Galega, que é un invento de Xoán Gato para botarlle un pulso ao PSOE na deputación coruñesa e evitar así os cambios que Narón necesita.

Remato agradecéndolle ao amigo Lage a súa información do encontro da Conselleira de Pesca cos mariscadores da ría ferrolá. O asunto é que aínda cun acordo no que conten con eles e participen na rexeneración da ría, a principal ameaza, que é a utilización da auga por parte de Reganosa, que vai devolver cunha diferenza de cinco grados, acabará danando irremediablemente o marisqueo e fará imposible a recuperación medioambiental desta ría. Sigue adiante aquel plan da Xunta de Fraga, cando era Conselleiro Amancio Landín, de sacrificala ría ferrolá para usos industriais.

En calquera caso, recomendo seguir estes días a bitácora do Comité Cidadán, se queredes afondar na información sobre esta problemática. Tamén vos deixo unha selección de 10 fotos que saquei no Pleno do 17 de novembro.

En español

A campaña dos mariscadores de Ferrol

Os mariscadores da ría de Ferrol están poñendo a comarca patas arriba a pesar dos intentos da policía de impedilo. Pero, quizais o máis salientable é que están a descubrir, unha vez máis, ca ría de Ferrol morre por falta de coidado polas autoridades autonómicas.

Outra vez máis vese que non é o mesmo quen goberne. A xestión do PP ao fronte da Xunta de Galicia déixalle ao novo Goberno de Touriño un calvario que lle pode estoupar na cara se non pon solucións inmediatas para salvar a ría ferrolá.

A nosa ría está contaminada, e cada día máis morta, porque non se limpa, polos vertidos urbanos que multiplicáronse na última década, porque Forestal do Atlántico verte, co permiso da Consellería nacionalista de Industria un montón de merda que mata todo o que atopa. O que é incompatible co discurso do Conselleiro de Medio Ambiente, o socialista Pachi Vázquez, de pór coto aos desastres medio ambientais e industriais herdados de Fraga, coma así se veu no río Umia. Ademais, seguimos coa ameaza dun futuro funcionamento da Planta de Gas de Reganosa, a carón da empresa anterior, que botará 300.000 toneladas de auga contaminada á ría ao día.

A Xunta de Fraga chegou a publicar un libro en 1997, onde propoñía que a ría de Ferrol fose “sacrificada para usos industriais”. O libro estaba prologado polo entón Conselleiro de Pesca Amancio Landín. Os miles de millóns da Unión Europea que viñeron para o saneamento integral das nosas rías o gastaron indebidamente.

A ninguén se lle escapa que si acaban cos mariscadores e as Cofradías (a pesar das críticas que estas poidan recibir), desaparece o principal foco de oposición á entrada dos metaneiros na ría e á súa futura destrución total por parte dunha Reganosa, que non ten feita Declaración de Impacto Ambiental, nin cumpre as normativas de seguridade europeas (entre elas Seveso II), nin poderá cumprir mentres queira seguir dentro da ría ferrolá e non fóra da mesma.

A nova Xunta de Galicia debe dar unha resposta axeitada e que permita a recuperación dunha ría que podería triplicar o número de postos de traballo de mariscadores. As Consellerías de Pesca, Industria, Ordenación do Territorio e Medio Ambiente deben dar solucións e non quedar atrapados polos intereses escuros de aqueles que nos queren matar a nosa ría por unha falta de visión do que é o desenvolvemento sostible.

Outra ría de Ferrol é posible. Aínda estamos a tempo.

En español

A Memoria antifranquista (ou democrática) na ría de Ferrol

Esta semana estivo na nosa ría o Barco da Memoria antifranquista. A fin de semana pasada no peirao de Mugardos e á metade desta semana no de Ferrol.

O martes 22, uns centos de ferroláns fumos a recibilo. Entre nós estaban responsables políticos e concelleiros das tres forzas progresistas: Iván Puentes (secretario comarcal do PSOE), Ignacio (secretario comarcal das xuventudes socialistas), Yolanda Díaz (voceira nacional de EU), o Presidente da Autoridade Portuaria Amable Dopico, o Vicepresidente da Deputación, o nacionalista Xaime Bello, xentes das asociacións veciñais, culturais como Artabria, Fuco Buxán, Memoria Histórica Democrática…

Salientar en negativo có Alcalde Juan Juncal e a maioría de Goberno no Concello de Ferrol (PP e IF) non estiveron. Quizais aínda non saben cá Constitución e os Estatutos son fillos ideolóxicos da Segunda República Española.

Cinco mil persoas, segundo a prensa local, pasaron polo Barco da Memoria “Hidria II”. Probablemente, se fose en maio ou setembro poderían ter sumado aos institutos, á Universidade e moita máis xente.

Recuperar a nosa Memoria histórica e recoñecer a aqueles que defenderon á Segunda República, a quen foron asasinados e torturados polos fascistas; así como a aqueles que levantaron, en condicións moi duras, as bandeiras da liberdade e da democracia contra o franquismo, até que se aprobou en 1978 a nosa Constitución, é unha obriga democrática e unha necesidade para afortalar á sociedade española.

Ver fotos Barco da Memoria

Martes 27 de xuño: Ferrol pide amparo ao Parlamento español

O próximo martes 27 estaremos en Madrid un nutrido grupo de ferroláns co <a href=”http://comitecidadan.bitacoras.com&#8221; target=”_blank”>Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferro</a>l, plataforma que agrupa a máis de medio centenar de entidades locais, entre elas varias Agrupacións Municipais socialistas.

Seguimos pedindo ca planta de gas que Reganosa, que de forma ilegal e irresponsable, está a construír dentro da ría ferrolá, a traslade fóra. Estaremos ante o Ministerio de Industria, e posteriormente unha delegación será recibida por Llamazares, voceiro de IU, no propio Parlamento español.

As directivas europeas (Seveso II, Raminp) obriga ás instalacións altamente perigosas a situarse, alomenos, a dous quilómetros dos núcleos de poboación. A planta de gas que está a construír Reganosa dentro da ría, incumpre claramente estas directivas, e nin sequera ten feita a Declaración de Impacto Ambiental, como así llo esixe o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, co 23 de xuño de 2004 anulou a tramitación ambiental desta empresa.

Reganosa está a oitocentos metros, na outra beira da ría, da cidade de Ferrol, así como do estaleiro militar de Navantia e da base naval da OTAN. Cuarenta mil cidadáns viven dentro do radio de dous quilómetros da futura planta de gas.

En caso dun hipotético accidente ou atentado, con marea baixa, os metaneros non poderían saír a mar aberto, como esixe a normativa de seguridade.

En abril de 2004 entregouse un dossier en Ferrol aos representantes do PSOE, BNG e EU – IU, para co trasladaran aos seus respectivos grupos parlamentarios.
Tras a sentenza do TSXG de xuño de 2005, que anula o expediente de Reganosa, soamente IU pediu ao Goberno de España a paralización das obras. Desde aquela os Ministerios implicados (Industria e Medio Ambente), deixan consumar a construción da planta de gas de Reganosa, escudándose en que a sentenza está recorrida pola empresa e a Xunta de Galicia.

Estaremos en Madrid, para aportarlle ao Goberno e aos diversos grupos parlamentarios, máis documentación e fotos, que amosan claramente, que de funcionar Reganosa sería un perigo para as persoas, a seguridade enerxética e para a seguridade nacional. Estamos a tempo de evitar futuros e posibles incidentes, que de suceder serían a maior catástrofe humanitaria coñecida en España.

Non podo entender que de xeito acrítico se asuma a política clientelar da anterior Xunta de Manuel Fraga, poñendo en risco a vida na ría de Ferrol. Dunha Xunta do PP que publicou que había que sacrificar unha das rías galegas para a especulación, e tocáballe a Ferrol.

E non me deixa de sorprender cos tres deputados (PSOE, PP, BNG) desta comarca no Parlamento español, non se sintan condicionados polas esixencias dos cidadáns, e si polos intereses económicos de empresas que nestes tempos con proxectos como o de Reganosa, dentro da ría ferrolá, soamente son unha mostra da renuncia dos poderes públicos en favor dun capitalismo decimonónico que lle dá igual os perigos, os custes humanos e o desenvolvimento sostible.

Como cidadán ferrolán teño que agradecer a Llamazares e o Grupo parlamentario de IU, a súa preocupación polas ameazas da planta de gas de Reganosa á cidade e á ría de Ferrol.

Mais, sería oportuno co Parlamento español acolla as inquedanzas da poboación e o Goberno presidido polo compañeiro J.L. R. Zapatero paralice a construción da planta de gas no interior da ría.

É de sentido común. É necesario.

En español
Na rede de Blogs Socialistas

O PSOE de Narón visita a parroquia de Ferrerías

 

Katy cos veciñosTras ter que aprazar do martes ao venres 19 de maio, por causa de forza maior, a parroquia naronesa de Ferrerías recibiu unha visita do PSOE. A delegación estaba formada por Catalina García, secretaria xeral do partido socialista en Narón, por Mario Isasi, secretario de política municipal da agrupación local e Ánxel Teijeiro, concelleiro socialista no Concello.

 

A visita, a esta miña parroquia materna e dos meus avós, causou un pequeno revoo. A verdade que hai moitos anos que ninguén se preocupaba polo que lles acontece aos meus veciños, amigos e familiares. Quizais, dende o principio da Democracia, cando o meu tío Leonardo, que aquela militaba no PCG, e hoxe no PSOE asturiano recollera as inquedanzas da miña xente.

O comunicado oficial do PSdeG – PSOE de Narón di:
¿PERTENCE O LUGAR DE FERRERÍAS Ó CONCELLO DE NARÓN?

 

 

O pasado venres día 19 do presente mes, o Concelleiro de Ensino Ángel Teijeiro, o Secretario de Política Municipal da Agrupación Local Socialista Mario Isasi e a Secretaria Xeral Catalina García mantiveron unha xuntanza cos veciños de Ferrerías (Xuvia) para tomar nota e ver “in situ” a problemática do lugar.

 

Pareceunos incríbel que de verdade seguíramos a estar no noso Concello, vendo o abandono ó que están relegados estes cidadás”, manifesta Catalina García.

 

Segundo declaracións dunha representante dos veciños “a derradeira vez que se fixo reclamación escrita e tamén de palabra foi polas pasadas eleccións municipais, o Alcalde en persoa nos prometeu solventa-los problemas que se lle expuxeron, ademais de acudir un día (dentro de Campaña Electoral) para ver todo por el mesmo.Vai facer catro anos e aínda non se nos fixo nin un só arranxo, non se atendeu nin unha soa demanda…”

 

Os representantes Socialistas tomaron nota de tódalas reivindicacións dos veciños e comprometéronse a facelas xestións oportunas coas distintas Administracións para que se solvente a precariedade na que se atopan en Ferrerías”.

 

 

O certo que o mesmo día que se sabía da xuntanza dos socialistas cos veciños, o sr. Alcalde Xoán Gato, mandou a uns albaneis para adecentar un pouco as aceras das Vivendas San Clemente, que datan a súa construcción en 1956. ¿Será casualidade?

 

En fin, os veciños están á espera de que desde o Concello de Narón se lles preste máis atención, e de que frutifiquen as xestións dos socialistas. En calquera caso, é de agradecer o interese de Catalina García e demais membros do PSOE de Narón.

 

 

Máis fotos.