Acaba de celebrarse as eleccións na Alemaña e resúltame curioso ver como a prensa reflicte este acontecimento.
En primeiro lugar hai unha derrota en toda regla da dereita e un claro triunfo da esquerda plural. Tamén supón un serio toque de atención ao SPD, a súa política de recorte social é rexeitado por unha parte fundamental do máis activo da sociedade alemana.
Se nos anos 90 o SPD sufría a perda dos sectores liberais de esquerda que hoxe están representados polo Partido Ecoloxista, agora, a súa supeditación ás recetas neoliberais que se preconizan desde os poderes económicos das multinacionais, trae consigo o nacemento dunha nova formación, a nova esquerda de Oskar Lafontaine.
Que o que fóra presidente do SPD e ministro de economía, encabece unha nova formación política debería facer reflexionar á socialdemocracia alemana. Deberan entender que hai outra política posible, outra política que defenda o Estado de Benestar e a profundización da democracia.
En calquera caso, fronte aqueles que falan dunha gran coalición de centro dereita (CDU SPD), o máis acertado sería buscar formas de entendemento do conxunto da esquerda.
Buscar un goberno que nucleado polo SPD, en coalición cos ecoloxistas, tamén recibira, cando menos nas cuestión sociais, o apoio do grupo de Lafontaine.
É dicir, un goberno de progreso que vaia desde o centro socialdemócrata do SPD, a esquerda liberal do Partido Ecoloxista, xunto coa esquerda socialdemócrata e poscomunista encabezada por Lafontaine e Gysi.
Arquivo por autores: Manuel Cendán
Santiago Carrillo e Mario Soares, xuntos en Ferrol
O 9 de setembro a Asociación Fuco Buxán celebrará un acto público de homenaxe a Santiago Carrillo. Xunto coa poesía e a música galega haberá intervencións do mundo sindical, social e político. O acto conta coa colaboración de diversos Concellos da comarca de Ferrolterra, a Fundación 10 de Marzo, e a adhesión de múltiples entidades e personalidades, tanto de Galicia coma de fóra.
Así mesmo, intervirá un amigo persoal de Santiago, Mario Soares, expresidente socialista de Portugal.
Esta é unha homenaxe que se foi atrasando desde principios de ano. Santiago é socio de honra da Asociación Fuco Buxán desde novembro de 2003. A súa contribución á consolidación democrática en España, ás ideas da esquerda e a defensa dos traballadores fan deste un acto sentido.
Morrer en Afganistán
Hoxe son os funerais de estado en honra aos dezasete soldados españois mortos en Afganistán. Dez deles galegos, e Isaac ferrolán. O meu recordo para as víctimas, do que parece se confirmar coma un accidente, e a miña solidariedade para as súas familias.
As diferencias da actual xestión gobernamental con feitos pasados, deixan claro que sempre se poden face-las cousas de xeito cas familias, cando menos, se sintan respeitadas, ao igual que os seus seres queridos.
Pobre papel o que está a face-lo PP. É un erro utilizar politicamente o sucedido. Pretender con esto provocar unha forte crítica contra Zapatero, pode traerlles outras consecuencias políticas non desexables á dereita.
Todos sabemos que aumentou a nosa presenza en Afganistán como compensación pola saída de Iraq. Son consciente que iso da Misión de Paz para axudar a consolida-la democracia, é un eufemismo. En Afganistán non hai bases económicas, nin sociais para un réxime democrático. Porén, é un territorio estratéxico, a medio camiño de Rusia, Irán, India e China, fortes potencias rexionais chamadas a desenvolver un papel no mundo que poden acota-lo poder americano.
Agora, o primeiro interese de Bush é garantir as conduccións do petróleo das repúblicas musulmáns postsoviéticas cara aos peiraos de Pakistán.
Evidentemente, non podemos provocar impunemente aos EEUU. Mais, deberíamos ir vendo de que xeito, máis pronto que tarde, traemos ás nosas tropas.
Un apunte. Este é un país democrático. Non ten sentido un oficio católico como o previsto para hoxe. De feito, é contrario ao sentir da Constitución. Debería ser un acto laico de recoñecemento ás víctimas e ás familias.
Galicia, Ferrol: Futuro Aberto
Touriño xa é Presidente. Por primeira vez as forzas progresistas logran arrebatarlle o Goberno autonómico á dereita nunhas eleccións. O que sen dúbida obrígaos a ter un plus de responsabilidade e receptividade social.
Iníciase a posibilidade dun predominio progresista, e que se consoliden os resultados autonómicos nas municipais do 2007, que debería visualizarse en gobernos similares á Deputación coruñesa, nas de Lugo e Pontevedra.
Así como unha etapa de incertezas para o PP. ¿Estarán dispostos os Cuíña, Baltar e Cacharro, a ceder fronte a Rajoy, Feijóo ou Juncal? ¿Vai Juan Fernández ir da man dun PP sen poder provincial, nin autonómico, tras a próxima convocatoria local?
Mais, ¿como debe reflectir o novo Goberno na nosa comarca? Indubidablemente, en desenvolver políticas a prol dunha reindustrialización que diversifique a economía e recupere capacidade e calidade dos empregos, que xa levamos esperando desde os anos oitenta.
Nun decidido apoio ao Porto Exterior de Ferrol, que para consolida-la súa competitividade necesita o retorno ao seu carón da Planta de Gas. O futuro traslado de Ence en Pontevedra abre, tamén aquí, esta posibilidade.
O apoio á rexeneración integral das dúas bandas da ría, ou a implementación das infraestructuras viarias, ou de vivendas para xóvenes…
É evidente que para Ferrolterra non ter un Conselleiro/a causa desilusión. Pero, ¿este feito significa que Touriño e Quintana non apostan por Ferrol, como din na cidade? Sería mellor esperar a ver as propostas do novo Goberno para esta zona.
Creo que débese, en primeiro lugar, á falta de peso específico nas estructuras partidarias. Resalta, unha vez máis, a crise de liderazgo e de proxecto político das forzas políticas de Ferrol, o que lle impide á cidade liderar todo o noroeste galego.
Nas eleccións do 19 de xuño o BNG acadou unha baixa en Ferrol do 8,3 %, a máis importante das sete grandes cidades, o dobre da media. O seu cambio de opinión, provocando a dimisión de Lastra e Sabio, cando estes pedian solicitar a paralización das obras da Planta de Gas, incrementou a factura electoral.
No PSOE local, que acadou a cuarta posición nas municipais do 2003, hai falta dun proxecto para Ferrol, e unha crise de liderazgo que xa se remonta ás locais de 1987; incapaces de xestionar adecuadamente o legado de Xaime Quintanilla, que obtivo o mellor resultado electoral dos socialistas ferroláns.
A situación na que se atopan os partidos ferroláns que agora gobernará Galicia, permite que intereses alleos a Ferrolterra usufructúen o poder territorial que corresponde a esta comarca.
Unha tarefa pendente é afondar na renovación do socialismo ferrolán, que comezou con cambios nas candidaturas ao Congreso, na Executiva Comarcal e agora co Parlamento galego.
Debe haber no PSOE ferrolán unha xenerosidade que permita un proceso de cambio, incluido orgánico, que elabore un novo proxecto de cidade con persoas novidosas, vinculadas aos movementos sociais, aos traballadores e as novas capas urbanas, como da necesaria integración dos inmigrantes.
Unha renovación que reforce ao PSOE na comarca, que co seu novo secretario xeral Iván Puentes trae tan bos resultados.
Todo esto debería axudar a consolidar, no 2007, o que se deduce da extrapolación dos resultados autonómicos en Ferrol, que hai unha maioría de progreso e de esquerdas.
A Modo de Presentación
Benvida/o e gracias por visita-la miña bitácora. Gracias, polos teus comentarios. En calquera caso, se non queres que aparezan editados podes escribirme ao meu correo electrónico, indicado baixo a firma.
Hai un tempo que estaba na idea dunha páxina propia, que me permitira manter xuntos todos os meus artigos publicados na prensa, que a ser posible, irei editando na data da publicación naquel medio. No archivo de Xullo 2005 están os meus artigos publicados desde novembro de 1999 até maio de 2005. De ahí en adiante son os máis actuais.
Houbo quen me falou desto das weblog, e atopei un xeito de comunicación directo, aberto e con dobre dirección. Esta bitácora é sinxela, mais espero aprender e mellorala.
Fágoa sen máis pretensión ca de ter un espacio onde poder compartir opinións, dúbidas e sentires. Só son unha persoa que se pretende comprometida e observadora crítica da sociedade na que vivimos.
En definitiva, gracias pola túa visita.
A Bitácora do Nordés comeza a súa singradura en agosto de 2005.