Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

A campaña dos mariscadores de Ferrol

Os mariscadores da ría de Ferrol están poñendo a comarca patas arriba a pesar dos intentos da policía de impedilo. Pero, quizais o máis salientable é que están a descubrir, unha vez máis, ca ría de Ferrol morre por falta de coidado polas autoridades autonómicas.

Outra vez máis vese que non é o mesmo quen goberne. A xestión do PP ao fronte da Xunta de Galicia déixalle ao novo Goberno de Touriño un calvario que lle pode estoupar na cara se non pon solucións inmediatas para salvar a ría ferrolá.

A nosa ría está contaminada, e cada día máis morta, porque non se limpa, polos vertidos urbanos que multiplicáronse na última década, porque Forestal do Atlántico verte, co permiso da Consellería nacionalista de Industria un montón de merda que mata todo o que atopa. O que é incompatible co discurso do Conselleiro de Medio Ambiente, o socialista Pachi Vázquez, de pór coto aos desastres medio ambientais e industriais herdados de Fraga, coma así se veu no río Umia. Ademais, seguimos coa ameaza dun futuro funcionamento da Planta de Gas de Reganosa, a carón da empresa anterior, que botará 300.000 toneladas de auga contaminada á ría ao día.

A Xunta de Fraga chegou a publicar un libro en 1997, onde propoñía que a ría de Ferrol fose “sacrificada para usos industriais”. O libro estaba prologado polo entón Conselleiro de Pesca Amancio Landín. Os miles de millóns da Unión Europea que viñeron para o saneamento integral das nosas rías o gastaron indebidamente.

A ninguén se lle escapa que si acaban cos mariscadores e as Cofradías (a pesar das críticas que estas poidan recibir), desaparece o principal foco de oposición á entrada dos metaneiros na ría e á súa futura destrución total por parte dunha Reganosa, que non ten feita Declaración de Impacto Ambiental, nin cumpre as normativas de seguridade europeas (entre elas Seveso II), nin poderá cumprir mentres queira seguir dentro da ría ferrolá e non fóra da mesma.

A nova Xunta de Galicia debe dar unha resposta axeitada e que permita a recuperación dunha ría que podería triplicar o número de postos de traballo de mariscadores. As Consellerías de Pesca, Industria, Ordenación do Territorio e Medio Ambiente deben dar solucións e non quedar atrapados polos intereses escuros de aqueles que nos queren matar a nosa ría por unha falta de visión do que é o desenvolvemento sostible.

Outra ría de Ferrol é posible. Aínda estamos a tempo.

En español

Morrer en Ferrol

Tráxico e impactante. Mataron onte pola mañá a un porteiro da disco Zebra. Dun pau na cabeza. Entereime da noticia a primeira hora da tarde ao ir ó centro da cidade. E levo dende aquela reflexionando sobre que está a pasar desde hai uns anos para aquí.

(Creo que é un erro reproducir a lenda negra dos porteiros como xa vexo nalgún diario dixital. Iso no xustifica a morte de ninguén, e supoño que non é iso o que pretende eses xornais).

Acabo de chegar a casa do traballo, e por primeira vez nunha fin de semana as rúas están tranquilas, baleiras de xente. Non é pola choiva, senón cas discotecas hoxe non abriron.

Pero, o certo que hai un tempo que hai moita violencia na xente. Pero, non só na máis moza. Estamos a pasar dun modelo onde a integración estaba en base ao traballo, a familia e o ensino, a outro modelo a sociedade de consumo, que por usar un símil é como unha espiral ascendente que se vai estreitando, co cal para seguir dentro dela hai que consumir moito e cada vez máis caro, e quen non pode manter o ritmo queda fóra, expulsado.

E a violencia non é un feito illado, é unha consecuencia da sociedade na que vivimos, aínda que nada xustifica nin ampara ao asasino. Estamos a tempo de analizar porque vivimos en sociedades cada vez máis violentas, e desde o propio Concello deberan levar a iniciativa desta reflexión; aglutinar ao movemento veciñal, cultural, de inmigrantes, e ver entre todos como respostar a estes desafíos.

Que ninguén pense que se soluciona poñendo só a policía. Estou seguro que nin eles están preparados para este nivel de violencia, que non saben como enfrontarse a ela, nin hai medios materiais nin humanos. Non pode haber un policía en cada esquina, en cada bar.

Non pretendo nada con estas notas deslabazadas (realmente debera estar xa durmindo despois de traballar toda a noite e toda a semana). En fin, hai que darlle unha resposta que non pode ser soio policial, senón, basicamente, social.

¿Galicia, campo minado polo PP?

Desta vez houbo sorte. O vertido no río Umia por parte da empresa química Brenntag púidose frear pola rapidez da actuación das autoridades autonómicas, evitando así que este chegara á ría de Arousa, onde se concentra o oitenta por cento do negocio do marisco de Galicia. De ter acontecido todos sabemos que, desta vez, a Xunta de Galicia sufriría unha profunda crise política, converténdose nun campo minado o seu futuro.

O curioso destes problemas que asaltan á actual Xunta, é que sufrimos a pésima xestión da dereita, que gobernou Galicia practicamente toda a etapa democrática, agás os dous anos do tripartito presidido polo socialista Fernando González Laxe. Desde logo esa cantilena de Rajoy sobre a eficacia e a boa xestión aquí cáese ante a forza das evidencias.

O actual Conselleiro de Medio Ambiente, o socialista Pachi Vázquez di que vai revisar todos os polvoríns químicos co PP deixou ao longo de Galicia. Desde a ría de Ferrolterra o medio centenar de entidades locais integradas no Comité Cidadán de Emerxencia acaban de lle lembrar que o Grupo Tojeiro dispón dunha instalación moi superior á da empresa Brenntag, que en caso de accidente non sería posible a instalación de barreiras, xa que practicamente está na entrada desta estreita ría. Ademais, o perigo multiplicaríase se finalmente a planta de gas, que está a carón, de Reganosa empezara a funcionar. Aquí non habería só danos medio ambientais en caso de accidente ou atentado, senón que sería a maior catástrofe humanitaria de toda a historia industrial española. Coarenta mil ferroláns viven no radio de acción devastadora que pode ter esta nova instalación.

Por iso, é tan necesario unha profunda reflexión no bipartito galego. ¿Imos seguir calando, asumindo pola vía dos feitos, sen máis esta Galicia enferma, produto das cacicadas do PP? Ademais, non se entende porque se lle dá osíxeno político a unha operación especulativa produto do pacto do Grupo Tojeiro… e Manuel Pizarro.

Para quen non o saiba, cando Reganosa estaba en quebra económica, e o BBVA negábase a concederlle un novo préstamo – lembrade que en casos normais a actividade futura da propia planta de gas, debería ser dabondo – Manuel Pizarro puxo os activos da propia Endesa como aval bancario.

Hai que dicilo claro: Reganosa non é estratéxica para Galicia. O que si é estratéxico son os ciclos combinados que necesita Endesa, ubicada nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña). E a esta dálle igual que sexa Reganosa o subministrador ou outro. Tamén, sabemos que no rexistro do Ministerio de Industria un consorcio empresarial propón construír unha nova planta de gas fóra da ría ferrolá, no golfo ártabro. Polo tanto, sen arrisca-las vidas das persoas e o seu futuro.

Debería haber unha reflexión na Xunta agora que por segunda vez o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou que Reganosa non ten Declaración de Impacto Ambiental, e que non poderá ter por estar enfronte da cidade de Ferrol e non no exterior da nosa ría.

Debería haber unha reflexión, agora que está claro que o PP quere crispar a vida galega, encima botándolle en cara ao actual goberno a xestión herdada de dezaseis anos de Manuel Fraga, Mariano Rajoy, e tamén lembremos que foi Conselleiro de “Ordenación do Territorio” do sr. Núñez Feijoo.

Tras os lumes, agora foi o Umia, maña pode ser a ría de Ferrol. Pero, ¿Podería a Xunta de Galicia aguantar outro desastre máis, aínda que sexa herdado? Non podemos deixar todo á sorte ou a que Feijoo saque outra foto con “mangueira”.

É tempo doutra política, doutra forma de ser e facer.

En español

Fotos Barco da Memoria na ría de Ferrol

Fotógrafo (por necesidade)
Aquí podedes ver unha selección de fotos que saquei o martes 22 de agosto. Evidentemente, non son un profesional, nin teño máquina para iso.

Cheguei á fotografía polas necesidades que hai un par de anos tiveramos na redacción da revista “Razón Socialista”, editada pola Asociación Fuco Buxán.

Tamén, decidín crear unha nova categoría no blog para todas estas fotos que nestes tempos estou a facer. Espero vos guste.

Ver fotos do Barco da Memoria

Artigo relacionado:
A Memoria antifranquista (ou democrática) na ría de Ferrol

A Memoria antifranquista (ou democrática) na ría de Ferrol

Esta semana estivo na nosa ría o Barco da Memoria antifranquista. A fin de semana pasada no peirao de Mugardos e á metade desta semana no de Ferrol.

O martes 22, uns centos de ferroláns fumos a recibilo. Entre nós estaban responsables políticos e concelleiros das tres forzas progresistas: Iván Puentes (secretario comarcal do PSOE), Ignacio (secretario comarcal das xuventudes socialistas), Yolanda Díaz (voceira nacional de EU), o Presidente da Autoridade Portuaria Amable Dopico, o Vicepresidente da Deputación, o nacionalista Xaime Bello, xentes das asociacións veciñais, culturais como Artabria, Fuco Buxán, Memoria Histórica Democrática…

Salientar en negativo có Alcalde Juan Juncal e a maioría de Goberno no Concello de Ferrol (PP e IF) non estiveron. Quizais aínda non saben cá Constitución e os Estatutos son fillos ideolóxicos da Segunda República Española.

Cinco mil persoas, segundo a prensa local, pasaron polo Barco da Memoria “Hidria II”. Probablemente, se fose en maio ou setembro poderían ter sumado aos institutos, á Universidade e moita máis xente.

Recuperar a nosa Memoria histórica e recoñecer a aqueles que defenderon á Segunda República, a quen foron asasinados e torturados polos fascistas; así como a aqueles que levantaron, en condicións moi duras, as bandeiras da liberdade e da democracia contra o franquismo, até que se aprobou en 1978 a nosa Constitución, é unha obriga democrática e unha necesidade para afortalar á sociedade española.

Ver fotos Barco da Memoria