Vanme perdoar estas palabras. Pero, non lles fan caso. Hai queixas porque non avanzamos nos corredores transeuropeos e de mercadorías ferroviarias, e están reivindicativos ante o semestre español da Unión Europea e ante o goberno español, en funcións, de Pedro Sánchez. O certo é que seguen sen existir un verdadeiro plan director e un Atlantic Corridor que falen galego.
A verdade é que á cidadanía do norte de Galicia – de seguir a súa lóxica – debera darnos igual. Non estamos incluídos por unha decisión da Xunta de Galicia e defendida por Miguel Tellado, na anterior lexislatura no Senado español. O norte galego con Ferrol e Lugo estamos excluídos do chamado “Corredor Atlántico Norte”.
Se alguén quere ter cohesionado territorialmente Galicia, debera facelo sumando as áreas de Ferrol e Lugo. Mais, seguro que hai intereses en que o noso porto exterior siga indo de xeito lento e non poida conectarse, vía corredor transeuropeo de mercadorías ferroviarias, con Portugal e co corazón da Unión Europea. Alguén debería contarnos a verdade, explicar porque queren que sigamos coas mans atadas e xogando á pita cega. Construír país non é algo abstracto. Faise coa suma dos seus territorios e das súas potencialidades.
https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-quere-tren-4403553