A recente asemblea do socialismo ferrolán, cara ao 38 congreso en Sevilla, reflicte a situación provocada pola federal na liña de debilitar o debate, desviándoo a un cara a cara entre dúas persoas para a secretaría xeral da mesma familia, o social-liberalismo. Á marxe de que no “chaconismo” local quizais destaquen os máis pretos ao ex director daquel Astano da reconversión, Amable Dopico; tamén é ben certo que non só a esquerda do partido está dentro da alternativa que representa Rosa Méndez.
En calquera caso, a Agrupación Socialista ten unha situación de bloqueo, onde os axustes de contas persoais entrecrúzanse cos posicionamentos ideolóxicos, por mor de paralizantes e pretéritas fidelidades que provocan a melancolía política (que vén da derrota municipal de 2011).
Na Historia do Ferrol democrático, todos os seus feitos importantes están intimamente ligados ao devir do socialismo. Isto obriga a que dende a executiva local, da deputada e por parte de todos os concelleiros e concelleiras, deban facerse xestos persoais e políticos que permita a entrada de aire fresco.
As familias do socialismo ferrolán deberían perfilarse fundamentalmente por afinidades políticas e ideolóxicas, para así poder abrir a nova etapa que necesita a cidade. Para defender, e incluso liderar un proxecto político ás veces non resulta necesario saír na foto ou ser cargo público. Ás veces é necesario dar un paso atrás.
Ver en Diario de Ferrol.