As eleccións do 20N supoñen unha derrota histórica para o partido socialista, resultados positivos pero insuficientes para o BNG e para Izquierda Unida. O contraste está que cunha crise económica e social provocada por políticas de dereita, curiosamente dánlle a esta unha ampla hexemonía que non tiña dende a ditadura.
E non foi a crise, senón a súa xestión xunto coas renuncias en favor do neoliberalismo – reforma laboral, das pensións, constitucional – o que levou a catro millóns de cidadáns a retirarlle o seu apoio ao Partido Socialista. O vello felipismo, hoxe representado por Rubalcaba, afunde ao PSOE e pode provocar unha implosión se persiste en controlar a transición interna e pactar con Rajoy novas medidas neoliberais.
Mentres, o BNG ten un respiro, mais deben facer a súa propia refundación que lles permita recuperar aos descontentos. Dende IU logran avanzar co millón e medio de votos, insuficientes para eles ser alternativa, pero que pecha a posibilidade de máis forzas políticas á esquerda do PSOE.
Polo tanto, debe haber unha profunda reflexión dentro destes tres partidos, basicamente lastrados por aqueles que fixeron da política unha profesión e que teñen como único proxecto de transformación a eles mesmos. Necesitamos construír internamente maiorías de esquerda, capaces de acelerar nos partidos os cambios necesarios. Hai unha tarefa urxente: aglutinar á maioría da poboación e provocar unha saída progresista á crise.