Hai 14 meses Zapatero deu “un paso atrás” e claudicou ante os Mercados financeiros, asumindo como propias as reformas e recortes sociais que pretenden afundir o noso débil Estado de Benestar, e alén diso, implantar por riba da soberanía popular as súas Leis, é dicir, a hexemonía do Capital sobre os cidadáns.
Agora, presos da súa lóxica os “Mercados” levan todo o verán poñendo de xeonllos as economías dos países da UE, Italia e nós incluídos. E a nosa dereita gobernante avoga pola volta ás épocas máis escuras do capitalismo, esquecendo que fundamentalmente eles son os responsables nas persoas de Aznar e Rodrigo Rato, principais indutores da burbulla inmobiliaria en España.
Din que non hai outro camiño que seguir destruíndo o modelo social europeo. A privatización de todos os servizos públicos, a renuncia á democracia efectiva. Pero, a economía é fundamentalmente política. E polo tanto, hai sempre alternativa.
Os “Mercados” deben recibir unha mensaxe democrática inequívoca: creación dunha banca pública tendo como eixo as Caixas de Aforros e modificando a Lei Hipotecaria para instaurar a dación en pago; recuperar para o sector público as empresas enerxéticas privatizadas; abrir as grandes e medias empresas á xestión conxunta patronal – traballadores…
Si, talvez non son “propostas radicais”. É pura ortodoxia socialdemócrata, keynesiana. Máis esta é a única base posible dunha socialdemocracia para o século XXI, anti-neoliberal.
Enlace a Diario de Ferrol.