O vindeiro martes 2 de marzo ás 20 horas, tócame presentar na Sala Audiovisual (3º andar) da Biblioteca Central de Ferrol – na Praza de España – á amiga e colaboradora de Fuco Buxán, María Castro Serantes. Cooperante española e que vive en primeira persoa todo o proceso dese golpe de estado que se vén dando en Honduras.
Este país centro americano pasou xa a un terceiro plano nas noticias dos nosos medios de comunicación. O aval dado pola Secretaria de Estado dos EEUU, Sra. Hilary Clinton, aos golpistas – que entre eles tiveron a desfachatez de facer unha eleccións baixo as ameazas militares á poboación (e só un 25% foi a votar) – foi secundado de facto por unha boa parte da Comunidade Internacional, especialmente, desde a Unión Europea, que basicamente, o consideran un asunto interno dos propios intereses de Washington.
É obvio que hai un intento de restablecer a hexemonía norteamericana en toda América: golpe de estado en Honduras, bases militares ianquis en Colombia, ocupación militar de Haití… Que será o próximo?
Debemos mirar con moita preocupación os ataques – que a dereita radical e os sectores máis conservadores do partido demócrata dos EEUU – están dando aos procesos democráticos. Van dirixidos contra o conxunto dos pobos latino – americanos, incluída Brasil; sendo ademais, esta última que pode desbancar a tradicional hexemonía norteamericana.
A proxección do documental “Honduras: la batalla por la dignidad” e o coloquio con María, serán indubidablemente de sumo interese, xunto a unha pinga contra o esquecemento.
Solidariedade co pobo hondureño e os seus movementos sociais que loitan polo establecemento dunha verdadeira democracia, sen tutelas militares nin estranxeiras. Solidariedade con Honduras Democrática.