Este martes o exército de Israel asasinaba a un neno palestino de nove anos. A desculpa era unha protesta contra o ilegal Muro que converte os territorios ocupados no maior campo de concentración da historia da Humanidade.
Non hai moito os soldados israelís detiveron ao pai da nena palestina que gravou os abusos militares contra un palestino, que participaba noutra protesta contra a ocupación. En Israel preocúpalles que se difundan imaxes do que están a facer. O vídeo o podedes ver arriba.
Así mesmo, o Goberno de Israel ordena aos seus dirixentes e militares que non veñan a España. Non vaia ser que os deteñan por crimes de lesa humanidade.
Israel foi o produto final do pacto entre o movemento sionista e a Potencia Colonial Británica de principios do século vinte, e que despois da Segunda Guerra Mundial acabou por cristalizar. A pretensión dos Británicos era introducir a unha poboación foránea co obxectivo de romper a unidade e uniformidade da poboación autóctona palestina.
Curiosamente, Israel pretende asentar a súa suposta autoridade moral e política en dous discursos antisemitas. Pretender que este estado colonial ten a súa orixe no exterminio dos seis millóns de xudeus nos campos nazis é unha ofensa á súa memoria. Así mesmo, o xenocidio que practican contra outro pobo semita como o palestino.
Aquí, por estrañas razóns, pechamos os ollos á realidade da ocupación israelí. Que diferenza hai entre Radovan Karadzic e os dirixentes do Estado de Israel? Tras a partición en dúas do territorio palestino polas Nacións Unidas en 1948, as aldeas palestinas que quedaron baixo a bandeira de Israel foron masacradas. Os soldados israelís usaban a violencia indiscriminada contra a poboación civil desarmada, chegaron incluso a usar a violación sistemática de nenas e mulleres palestinas como instrumento para a limpeza étnica.
Ademais, pode haber democracia nun estado que ten a guerra como xeito permanente de vida? Que discrimina aos seus nacionais en función da súa orixe étnica ou filiación política? A millón e medio de palestinos se lles nega a súa identidade e se lles chama árabes – israelís, teñen prohibido os partidos que reclamen a súa palestinidade, ou o reagrupamento familiar cos que viven fóra das fronteiras actuais de Israel. Pero, tamén, se es israelita e non compartes a política de apartheid interno ou de limpeza étnica en Gaza e Cisxordania se te pode retirar a nacionalidade. Hai centos de menores palestinos en cárceres de Israel por tirar pedras contra os tanques do exército ocupante.
Todo isto para asegurar o dominio do lobby relixioso – militar sobre a poboación israelita. Tan só ducia e media de familias xudías controlan a metade da riqueza do país.
Todo para romper a unidade dese pobo árabe que vai desde o Atlántico á fronteira con Irán, e así controlar as súa reservas de gas e petróleo. Seguimos noutra fase do colonialismo.
Palestina leva sesenta anos reclamándonos unha soa cousa: protección.