Un mundo de palabras

E se fora certo que escribimos porque non nos gusta o mundo e buscamos un xeito de transformar a realidade? Iso é o que din da literatura, cuestión que tamén está na orixe do propio xornalismo. Incluso, moito antes de inventarse a escritura, pintábamos historias nas cavernas. Saramago así o cría.

Teño a frustración de non saber das conversas deste co ferrolán Gonzalo Torrente Ballester. Na obra do Nobel portugués, “O ano da morte de Ricardo Leis” acaba coa frase “aquí onde o mar acabou e a terra espera”. Esta podería ser perfectamente unha referencia á nosa cidade.

A virtude da literatura está na súa capacidade de transformar os lugares e ás persoas comúns en personaxes literarios. Así, dicía José Saramago, en referencia ao seu avó, que o home máis sabio que el tivera coñecido non sabía ler nin escribir. Pero el e todas as persoas reais que tiña coñecido eran os seus mestres de vida.

A lectura transforma o noso mundo interior, fainos libres. Talvez por iso siga sendo estraño levar un libro ou un xornal nas mans, convertendo este simple acto nun feito revolucionario. Son dos que, igual que o portugués, pensa que ademais das conversas das mulleres, son os soños os que sosteñen ao mundo na súa órbita.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/mundo-palabras-5102508

Pudor

Teño que agradecerlles que se acheguen para dicirme o que opinan das miñas “Letras de Cambio”.

Polo que parece, tanto “O espello roto” como “Turismo de masas” tiveron algún que outro lector ou lectora.

Outras veces, no pasado, atopeime con xente que dicía que seguía o que eu escribo (un nunca sabe que repercusión pode ter, se é que existe tal).

Teño que dicirlles que cada vez que isto pasa o pudor é a miña primeira resposta instintiva. Son consciente das miñas propias limitacións. Máis, como dicía Umberto Eco que hai unha infinidade de lecturas posibles, sempre teño a dúbida de acertar ou non co expresado.

A linguaxe non é un medio de comunicación entre moitos. É a base de toda a comunicación, é dicir, o fundamento mesmo da cultura en sentido amplo.

Así, pretendo ser xusto e transparente, pero ás veces erro ou, simplemente, cada quen entende as cousas, en función da súa propia experiencia vital, se deixo indebidamente aberta algunha fiestra.

O privilexio de escribir e verte publicado leva de seu un feixe de responsabilidades. Comezando pola confianza que depositan en ti, o Diario de Ferrol e os propios lectores do xornal. Talvez, por iso penso que cada frase pódoa escribir mellor.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/pudor-4953994

Unha historia que contar

Hai unha íntima relación entre escritura, literatura e periodismo. Sei que non digo nada novo, mais ás veces convén lembralo. O asunto é ter talento que, necesariamente, debe unirse á disciplina e á longa paciencia. Sen a suma destes elementos, non seríamos conscientes da importancia da liberdade. Incluso cando a escrita é pura ficción, esta só amosa a insatisfacción que temos co mundo realmente existente que, como todos vostedes saben, este último está construído sobre as ruínas da mentira.

Lembren que escribir e ler son xeitos de protesta, por iso un libro, un xornal son tan perigosos para a orde establecida. Lembren que os grandes movementos de liberación humana saíron da capacidade de poñer as súas reivindicacións en negro sobre branco, e sempre acompañados dun xornal que facía de voceiro. A escritura, en todas as súas facetas, é o camiño que temos para superar as nosas eivas e chegar á fraternidade.

Así, esta capacidade da escrita fixo que tanto a literatura como o xornalismo, sexan un xeito de resistir, de avanzar na adversidade, de sutil protesta, de escapar e debuxar outro mundo mellor. Agora ben, como dicía hai pouco Paula Carballeira, no Foro Galego Literario de Valdoviño, o importante é ter unha historia que contar.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/unha-historia-contar-4667782