Un fogar asaltado

O mes de setembro amence coa violencia desatada na rúa Magdalena, onde tiraron abaixo a porta dun edificio e asaltaron unha vivenda.

O acontecemento desta fin de semana sobrepasa todo tipo de liña vermella. Na cidadanía hai a sensación dunha epidemia de violencia estendida ao centro da cidade, que considera produto de non asumir moitos as responsabilidades debidas. Sexa certo ou non, no ruxe ruxe dos faladoiros se pensa que para chegar a isto, antes tivo que crearse un clima de permisividade. Estamos na cara b dun ambiente de crispación esaxerada e de falta de respecto aos demais, a risco de normalizar brutalidades?

A cidadanía ferrolá necesita respostas axeitadas e así as diversas autoridades e organismos vense emprazados a buscar unha pronta solución ao mal ambiente xerado.

Hai unha xunta local de seguridade presidida polo alcalde, na que participan os tres corpos policiais presentes en Ferrol, que ten que lidar coas consecuencias que se derivan da sensación de inseguridade cidadá. A maiores, o goberno municipal debera implementar medidas para recuperar a convivencia e o civismo na cidade, necesariamente consensuadas cos outros partidos. A cidadanía quere tranquilidade nas súas rúas.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/fogar-asaltado-4980227

A Violencia

Pensábamos que da pandemia saíamos mellor como sociedade. Pero, en breve puidemos constatar que non era así. Houbo quen decidiu que había que poñer en solfa todo aquelo que servía para unir á cidadanía. Como mínimo, a mala educación instalouse como “norma básica de convivencia”. A falta de empatía está á orde do día. Si, estamos na fin da historia, ou cando menos, parece que non haberá un mañá.

Así, a noticia máis impactante desta semana santa non será para moitos nin as dificultades para saír das procesións relixiosas, nin a choiva nin este vento ferido que nos empurra polos concellos de Ferrolterra. Si a morte dun pai golpeado polo seu fillo, feito tráxico recollido nas páxinas deste xornal. E estas cousas como poden suceder?

Obviamente, ocupa un grado superlativo nesa escala da violencia na que vivimos nesta sociedade post-covid, xunto ás agresións ás mulleres. Á marxe da situación concreta, dos feitos persoais que acaban alimentando a traxedia, como podemos freala e facerlle fronte?

A violencia é síntoma dunha sociedade enferma. Quizais necesitamos, de xeito urxente, preguntarmos cales son as causas da desgraza e buscar o camiño axeitado que nos faga mellores. Volver a Bertrand Russell.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/violencia-4778270

A Carioca ferrolá

Hai dezaoito meses houbo unha macro redada en diversos barrios da cidade. A policía buscaba acabar cunha rede de trata de mulleres venezolanas obrigadas a prostituirse en diversos pisos e locais de “alterne”. Agora, é tras o proceso aberto polo Xulgado número 2 de Ferrol, a Audiencia Provincial da Coruña vai abrir – a partir do día 20 deste mes – o proceso contra os proxenetas. E xunto á trata de mulleres vai o de tráfico de drogas e a petición de máis de vinte anos para algún dos procesados.

Son feitos que parecen alleos ás nosas vidas, pero que pasan en pisos que temos nas nosas rúas. Veremos como se desenvolve esta peza separada nos xulgados, pero é evidente que a tan ansiada lei estatal para abolir a prostitución e protexer ás mulleres e menores é máis necesaria que nunca. Quizais o primeiro sexa que a loita contra esta lacra pase, da unidade de estranxeiría, a unha especial de violencia de xénero.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/a-carioca-ferrola/20201021023406290131.html

Violencia

lapicesAs escolas reflicten nitidamente o que pasa na sociedade. Se en tempo de bonanza os escolares dividíanse entre os dun nivel de consumo enfermizo e os demais, hoxe este é un dos sitios onde vese mellor a tolemia austericida, porque directamente a están a sufrir os nosos nenos.

A dereita, en vez de reforzar aqueles servizos básicos que serven de primeira barreira contra das situacións de exclusión, aposta pola redución da cobertura dos comedores, dos profesores de apoio e da asistencia social. Rexeitan a igualdade e a mobilidade social.

Hai o caso dun neno trasladado de escola, porque supostamente é conflitivo. Si, pero todo o mundo sabe que na súa familia sofren a violencia paterna. Onde están os servizos sociais preventivos? Onde a inspección educativa? Nós mesmos? Mirando para outro lado. O rapaz é violento, porque el é a primeira vítima. Tamén nosa.

Enlace a Diario de Ferrol.