Un traxe a medida

Esta semana temos un par de convocatorias no Teatro Jofre. O ferrolán Javier Gutiérrez regresa a casa cunha nova obra teatral: “El Traje”. Obra escrita e dirixida por Juan Cavestany, e onde comparte escenario con Luis Bermejo. Só dous actores, pero capaces de abrir todo un mundo para a nosa imaxinación. Din as críticas que é un xogo de humor negro, case un thriller contra o consumismo feroz, a tolemia, a corrupción, a soidade e outros problemas da sociedade actual. Pero, tamén intriga e comicidade.

Un orgullo para Ferrol por ter a un dos nosos, como Gutiérrez, sobre a táboas do Teatro Jofre. Un orgullo por quen é un habitual e que podes atopar na rúa ou en calquera café ou restaurante da nosa cidade, que presume dela polo mundo adiante. Saber que hai xente, que co seu esforzo abre camiños para unha cultura, que aporta unha visión crítica e sacude a nosa zona de confort. De quen é un dos grandes actores deste país por méritos propios.

Son de aqueles que ten fe cega no poder sanador e emancipador da palabra. Aquí convertida en obra teatral, pero moi necesaria neste tempo, cando algúns, queren impoñer o pensamento único e volver -nunca mellor dito- aos tempos de aqueles traxes que buscaban comprar vontades.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/traxe-medida-4443876

Bartoleta

Tiven ocasión de asistir no Centro Cívico de Caranza, a unha das obras de teatro afeccionado promovido dende a Concellaría de Cultura. A obra era “Mackie o navallas”, levada adiante por “Bartoleta Teatro”.

O certo é que Bartoleta ten raíces moi profundas na cidade, e ó longo do tempo puidemos seguir o seu traballo. Hai un crecemento na arte interpretativa e unha forza escénica tan contundente que ninguén pode negar que a etiqueta de semi profesionais quédalles pequena. Entre outras cousas, moitos deles teñen participado no documental de Xosé Abad “O Segredo da Frouxeira”, e que fora patrocinado pola TVG e as asociacións Fuco Buxán e Memoria Histórica.

Hai por Bartoleta un compromiso cun teatro crítico, que usa a palabra e a interpretación para referirse á realidade, e dende unha proposta de cambio social permanente…

Ler máis

 

Torregrosa: Teatro e compromiso

torregrosa.jpg

Tiven a sorte de recibir do propio autor unha obra revisada e actualizada de teatro que leva como nome “La masacre de la calle Contreras”. Unha obra nacida na época franquista e que vén a celebrar as máis das vinte mil visitas có amigo Torregrosa, ten na súa bitácora en internet “Cumbres Borrascosas”.

Este é un prezado regalo que recibo, que vai a revalorizar a miña biblioteca persoal, e que recoméndolle a todo o mundo, xa que logo é de moi doado acceso con isto das novas tecnoloxías. Ademais, poderán ver neste blogue unha gran parte da obra literaria (novela, poesía, teatro, conto e cine) deste ferrolán comprometido coa cultura e polo cambio para unha sociedade máis xusta. Quizais as súas obras máis coñecidas polo público sexan o libro “El Juicio de los 23” (proceso xudicial que o franquismo abre contra os líderes do 10 de marzo de 1972 en Ferrol) do que é coautor xunto con Rafael Pillado e Enrique Barrera e a novela “Abordajes”, cuxa portada é un fragmento dunha obra orixinal do pintor Víctor García Novás, así como, as súas colaboracións no suplemento “Nordesía” deste xornal.

La masacre de la calle Contreras” é unha obra teatral en dous actos onde un popular prostíbulo vai ser o escenario do que lle acontece a mulleres que acusan nelas as dificultades da vida; que unha vai morrer a mans de mariñeiros da armada dos Estados Unidos; de presións policiais e políticas e de inesperadas vinganzas… Pero, tamén é moito máis.

Esta obra teatral tamén forma parte dunha época onde a cultura era un elemento de formación intelectual e transformación social. Onde o creativo era a proa da loita contra a ditadura fascista do xeneral Franco; un instrumento aos servizo da emancipación dos traballadores como elemento central na loita pola reinstauración da democracia.

Coa recuperación desta obra teatral o seu autor tamén fai un exercicio de recuperación da Memoria Histórica democrática da loita antifranquista. Por se alguén ten algunha dúbida, “La masacre de la calle Contreras” foi estreada no cárcere da Coruña, pola sección de presos políticos o 6 de maio de 1972, moitos dos seus “actores – presos” tiveron un papel esencial tanto na loita antifranquista como antes e hoxe na Democracia. Xunto co autor, José Torregrosa, interviñeron: Ánxel Cortizas Domenech, Xan María Castro Paz, Antonio Romero Ramos, Juan Fernández López, Suso Díaz Díaz, Francisco Caballero Martínez, Vicente Álvarez Areces, Rufino Corbato Coto, Francisco Rodríguez Sánchez e Rafael Bárez Vázquez.