Agresión en Mugardos contra o corazón da loita anti Reganosa

Cartel Convocatoria 300907A media tarde o Comité Cidadán de Emerxencia emitía a súa nota oficial, condenando a agresión que onte, sufriron os veciños da Pedreira e Meá. Como xa sabedes houbo algún descerebrado que fixo estoupar un artefacto no aparcadoiro da Escola de Novás, onde se reúnen habitualmente a Plataforma veciñal contraria á ubicación da planta de gas de Reganosa. O estoupido afectou a dúas vivendas causando diversos danos.

A miña solidariedade cos afectados/as e os compañeiros/as da Plataforma mugardesa.

Resulta cando menos curioso que algúns medios falen deste feito como se fose unha protesta contra Reganosa, cando os seus tanques están a uns 600 metros de distancia, e fose tan só a uns metros da entrada do local onde se reúnen en Mugardos as persoas que loitan contra esa tolemia, e que supón instalar dentro da ría de Ferrol a planta de gas, incumprindo as leis vixentes.

O Delegado do Goberno deixaba a porta aberta á autoría desta agresión. Pero, non teño dúbida que os autores da mesma buscan asustar aos veciños. Non ten sentido adosar un artefacto explosivo a unhas vivendas para protestar contra unha instalación que está moito máis alá, a 600 metros. As autoridades están emprazadas para dar pronto cos responsables desta tropelía e entregalos á Xustiza.

Hai anos que aqueles que son contrarios a Reganosa sofren todo tipo de presións, especialmente a xente máis coherente que como Luz Marina leva desde a fundación do Comité, hai xa oito anos. Meu cariño especial e recoñecemento para esta amiga, que é xa un símbolo popular desta loita democrática. Polo que parece, hai algún tolo que quere dar un toque de atención aos amigos e membros do Comité Cidadán de Emerxencia.

A mellor resposta é participar na manifestación deste domingo contra Reganosa, que como sabedes sae ás 12 do mediodía do Porto de Ferrol. En solidariedade cos afectados, coa Plataforma de Meá, con todas as entidades que participan no Comité.

¡Reganosa fóra da ría de Ferrol!

Nota posterior: a manifestación de hoxe domingo, un gran éxito do conxunto da cidadanía e das asociacións participantes. Ler máis.

Protesta contra Reganosa: ¡Ás 13.30 no Porto de Ferrol!

O metanero “LNG Oyo”, é o séptimo con destino a Reganosa, en ruta para entrar na estreita ría de Ferrol este venres 7 de setembro de 2007 ás 14:10 horas.

Construído no 2005 nos asteleiros coreanos Hyundai Heavy Ind., ten bandeira de Bermudas e o seu propietario é o BW Gas Norway. Cunha eslora de 285,40 metros ten capacidade para transportar 145.914 metros cúbicos de Gas Natural Licuado, trae unha carga de 63.681 toneladas de GNL equivalentes a 127.382 m3. Vén en ruta para entrar na ría de Ferrol este venres 7 de setiembre de 2007 ás 14:10 horas, con a única pleamar diurna, para repetir a amenaza á vida humana durante a súa entrada e descarga, pois este tipo de buques no caso dunha emerxencia, durante a descarga ou na súa navegación por dentro da Ría, non ten garantida á saída ao mar, con rapidez e polos seus medios, tal e como require a norma EN-1532 que é obrigatoria para Reganosa.

Segundo acordo da última Asemblea Cidadá do pasado 9 de agosto o Comité Cidadán de Emerxencia convoca una cacerolada nos muelles de Ferrol, para antes da pleamar diurna, sen descartar outras actuaciones.

¡Participa na cacerolada ás 13.30 horas en Curuxeiras, Ferrol Vello! ¡Reganosa fóra da ría de Ferrol!