Os galegos traballan arreo

A verdade que non esperaba que, naquela sobremesa, un dos comensais fóra a mencionar a Paul Lafargue e – menos – nos lembrara aquela pasaxe do “Dereito á preguiza” que consideraba que os galegos eran un pobo que vivía, unicamente, para a súa paixón polo traballo. Recoñezo que o tiña totalmente esquecido.

O marido de Laura Marx, ao longo da súa vida, será xornalista, escritor, crítico literario, ensaísta e sobretodo, propagandista da Primeira Internacional. Acabará tendo unha grande influencia na España do século XIX. Tanta que haberá unha representación do noso país no enterro de ambos os dous, en París.

Lafargue defendía a redución da xornada laboral e o aumento dos salarios, como paso previo para saír da miseria e para que as clases populares poideran acceder aos bens de consumo e á participación democrática. Consideraba que este era o único camiño para obrigar á perfección da tecnoloxía e da industria, que así iría reducindo a necesidade do traballo humano.

Imaxino os seus comentarios cando as dereitas en Grecia acaban de impoñer a xornada laboral de trece horas, ou á promesa de Cuca Gamarra á patronal española de volver á reforma laboral de M. Rajoy e baleirar o fondo das pensións públicas.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-10-22/os-galegos-traballan-arreo-813205.html

Cataluña

O novo PSOE tiña acurralado a Rajoy, pero chegaron Puigdemont, o PDeCat, Esquerra e a Cup a darlle corda. O asunto é facer xogo revolto para así -cada un- facer o que lle pete. Buscar un choque de trens para non render contas da corrupción e as políticas antisociais das dereitas catalá e española. E, por se fóra pouco, o apoio das dereitas españolas á venezolana -que acaba de celebrar un “referendum á catalana”- está acabando de enlamar todo aínda máis. Estase misturando demasiadas cousas.

O concepto “Nación de Nacións” non é un invento de Pedro Sánchez, está recollido nas actas que deron lugar á incorporación do término “nacionalidades” á Constitución, e que un saiba nacionalidade deriva de nación. Asi mesmo, o dereito a decidir da cidadanía é un valor central da democracia, que necesita horizontabilidade, reparto do poder, e consensos para avanzar. De aí o acerto do líder socialista.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/cataluna/20170719234711196613.html

Contraprogramación

A elección de Pedro Sánchez como novo secretario xeral do PSOE cambiou a axenda política española, agora a prioridade é a axenda social e mudar o goberno de Rajoy para aseguralo cambio. E tras recuperarse do choque emocional que supuxo para moitos tertulianos de dereitas o último congreso federal, agora veñen con aquelo de que se “rompe España” e a “insoportable herdanza recibida”. Quizais o máis chamativo sexa que Rivera e Rajoy decidiran contraprogramar os encontros políticos de Sánchez.

Obvio que se España non fose diferente ao resto de Europa, un partido como o popular xa estaría fóra das institucións. Alí a corrupción e as mentiras non as perdoan. Ademais, sería factible un goberno encabezado polos socialistas, pero necesítase un Rivera centrista e un Iglesias que renuncie á cohabitación con Rajoy. Senón, haberá que facer camiño e que a cidadanía decida nas próximas eleccións.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/contraprogramacion/20170628220956194478.html