Sartorius

A democracia aínda ten referentes. Nicolás Sartorius por nacemento puido ter outra vida. Unha sen sobresaltos, a carón de aqueles que teñen empresas, títulos nobiliarios e ocupan as portadas das revistas do corazón, lembren a aquela sobriña que non casou na Casa Real. El elixiu dende moi mozo a aposta democrática, o compromiso social e pasou polas cárceres da ditadura.

A pesar da renuncia de moitos que, nos últimos anos, non quixeron facer fronte a aqueles que queren impoñer unha saída reaccionaria pretendendo disciplinar ás mulleres, as clases traballadoras e media, para que a política só sexa cousa dos de sempre, de aqueles cuxos apelidos e empresas repítense na historia de España, desde hai cen o máis anos, Sartorius segue a pensar en como avanzar en dereitos e máis democracia.

Na editorial Anagrama ten publicado un ensaio baixo o título “La democracia expansiva” e que ten como subtítulo, algo que escandalizará nestes tempos tras tantas renuncias: “ou como ir superando o capitalismo”. Porque esa é a dicotomía: democracia ou capitalismo. Así, quen foi considerado como o “aristócrata vermello” segue a exercer, con pleno dereito, o papel de intelectual de esquerdas. Intelectual da democracia.