Fra Molinero, narrador

Estes días, que ando ordenando libros, dinme conta de que Fra Molinero e Saramago si, comparten vocación literaria, pero tamén título novelesco. As dúas obras, aínda que diferentes, xiran arredor do mito da caverna. Na miña memoria, de ex alumno do Concepción Arenal, están aqueles comentarios – máis próximos á filosofía que a súa materia de Historia – que Fra facíamos del. Así que para nada “La caverna de Platón”, esta editada por Edicións Esquío e cunha portada de Manuel Patinha, fórame un título estraño para o meu profesor.

A capacidade de contar historias vén de algo tan subxectivo como a apreciación que temos do que vemos ou pensamos. Por iso, se partimos dun mesmo feito ou dunha mesma lenda, unido isto a posibilidade de fabular a realidade – que diría Vargas Llosa – levaranos por múltiples camiños e algúns impensables.

Todo comezou arredor das sombras dunha fogueira hai miles de anos, e á necesidade de manter a súa memoria. De que transcendera alén na nosa propia existencia persoal. Así, hai tempo que o asunto é a disciplina de sentarse a escribir. Coñecer aquelo sobre o que vas ficcionar e ter as palabras axeitadas para cambiar esa realidade. Si, as palabras que cambian o mundo.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/fra-molinero-narrador-4409042