Ferrol non ten tren

No seu día foi unha noticia que pasou desapercibida. O Concello de Ferrol, instigado pola Xunta de Galicia, deixou de pertencer ao Eixo Atlántico como “castigo” ás declaracións do seu secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, contrario á implantación de Altri na nosa Comunidade. Non deixa de ser un símbolo de como faise política no noso país.

O certo é que estamos fóra do corredor ferroviario do Atlántico Norte, que o famoso “bypass” de Betanzos coas outras “melloras” previstas, para a conexión coa Coruña, só gañará dez minutos. Todo para que o porto exterior de Ferrol perda tempo en optimizar a súa potencionalidade. Hai quen non entende que sería moito máis rendible sumar todas as sinerxías.

Quizais, alguén debera – agora que tanto fálase da seguridade global – explicar por que Ferrol, coa principal base naval española, e da OTAN no sur de Europa, non ten as infraestruturas ferroviarias adecuadas e así, tamén, a principal empresa militar como é Navantia. Seguramente, no informe “Armada 2050” deberan dedicarlle un capítulo a isto. O illamento ferroviario de Ferrol non é un problema local, senón de país. Centrado este debate si poderemos facer o deseño do que queremos aportar á construción europea.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-non-ten-tren-5248710

Corenta

Este domingo volvían as tripulacións do Blas de Lezo e do Cantabria a Ferrol. Vaia para elas a benvida por este retorno a casa, xunto ás súas familias. Corenta anos pasaron desde que a UCD metéranos na OTAN e, algo menos, desde aquel xiro de Felipe González e o referendo, que para quen subscribe esta columna foi a súa primeira “incursión” nas mesas de votación, con apenas dezaoito anos.

Estase a celebrar o cumio desta organización político – militar en Madrid e que evidencia un grande éxito de Pedro Sánchez, á marxe dese coro mediático ao que lle resulta moi incómodo este goberno de coalición. Pero, o asunto é que facer ante a realidade, incluso cando un volvería a votar non naquel referendo. Quizais o máis intelixente sexa participar no debate do seu futuro desde un punto de vista democrático. Algúns aínda pensamos nunha forza de paz baixo mandato da ONU e baixo a tutela do Tribunal Penal Internacional.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/corenta-3808548