Os libros arden mal

Levaba bastante detrás del. Nestes tempos comeza a ser difícil atopalo, pero como di o seu autor, Manuel Rivas, “os libros hai que agardar por eles”. Tiven que esperar a unha libraría de Vigo. Supoño, ademais, que unha nova impresión sería moi custosa polas súas setecentas cincuenta páxinas. Esta primeira edición vén cunha tarxetiña con anotacións do escritor, con referencias a García Lorca e Ánxel Casal e á queima de libros acontecida en agosto 1936 na Dársena da Coruña. En Ferrol, pasou o mesmo nesa data na entón coñecida como “Praza Roxa”, por ser alí onde acababan as grandes manifestacións da cidade nesa época. Hoxe, xa esquecido ese nome é agora, simplemente, a praza do Marqués de Amboage.

Outro dos libros que quixera para á miña biblioteca é “Lo que Varguitas no dijo”, cuxa autora Julia Urquidi foi a primeira esposa do recentemente falecido Vargas Llosa. Aquel primeiro matrimonio vai ser a inspiración para unha das grandes novelas do peruano: “La tía Julia y el escribidor”. Este autor, a pesar da distancia ideolóxica, resúltame unha referencia fundamental na literatura contemporánea actual. Entre outros libros del gardo, con moitas notas propias, “La tentación de lo imposible”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/libros-arden-mal-5272463

Vai de libros

Un sempre pregúntase se realmente hai un lector para cada obra ou, máis ben, se cada libro convértese en moitos, simplemente pola pegada que pode deixar en cada persoa, sen que debamos asumir recibir a mesma influencia. Un libro reflicte o universo socio-cultural e ideolóxico do seu autor, aínda que sexa de xeito inconsciente. Un sistema de valores que acaba salpicando cada páxina que lemos.

Acaso non percibimos isto no “Resistencia” (Xerais, 2002) de Rosa Aneiros? E se imos a obras referentes como a “Democracia en América” de Tocqueville, non somos capaces de ver as súas eivas, cando só dedica un “breve comentario” a unha cuestión transcendental, como o mercado de escravos – capital fundador da revolución industrial inglesa – no desenvolvemento dos EEUU?

Ás veces, tan importante é o que se escribe, como se escribe e o que omitimos. Lectura crítica, para ser libres. Porque incluso os libros “para entreter” transmiten valores. Pero, non fagan caso destas “letras de cambio”. Para a semana pasen pola feira do libro de Ferrol. Xa saben que o peor que pode pasar é que as follas dos libros non teñan as marcas dos nosos dedos. Aínda que sexa por aquelo que dicía Manuel Rivas de que “os libros arden mal”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/vai-libros-4786908