Hai dez días houbo unha xornada no Ateneo Ferrolán sobre Isaac Díaz Pardo. Isto levoume a ler varios artigos del, publicados na revista “Atenea”, así como a revisar a súa intervención (de hai catro décadas) celebrando o traslado á actual sede desta entidade, cuxa gravación atópase a disposición do público nos fondos da súa biblioteca.
Isaac sempre tivo unha especial relación con Ferrol e coas súas diversas entidades culturais. Só hai que lembrar, que foi un dous de marzo do dous mil sete, cando nesta cidade fíxose unha homenaxe de toda Galicia, contando coa súa presencia. A pesar da súa aparencia fráxil, impoñía a súa determinación e o seu empuxe. Era herdeiro de toda unha xeira de persoas únicas, que durante os anos escuros da longa noite de pedra, decidiron ser luz dun país negado para a súa cidadanía. Seguramente, o derradeiro dos bos e xenerosos.
Isaac era cultura, empresa, compromiso, país. O abono para unha terra fértil. O referente ao que mirar cando un non sabe como continuar. Sigo a gardar un libro cunha dedicatoria súa, asinada a finais dun agosto do dous mil sete. Hai dez anos, houbo outras “Letras de Cambio” co mesmo título desta columna de hoxe. Non facía falta máis. Era Isaac.
https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-11-07/isaac-816605.html
