Fragmentos de GTB

Di o amigo Henrique Dacosta, que este xoves presenta a súa nova novela “Mortes con argumento”, que “aquilo que coñeces é moito máis literaturizable”. Así, el nunca obviou referencias xeográficas locais, á marxe de evitar situacións incómodas ou improcedentes, no caso das identidades persoais.

Seguramente, isto dálle a todo traballo literario a certeza de achegar ao lector un relato que resulta crible, porque aínda que non sexan escenarios que viva no seu día a día, si permite mergullarse nunha historia, que para nada vaille aparecer como estraña. Era Mario Vargas Llosa – supoño que algún autor ou autora máis – quen dicía que só se podía escribir sobre o que se coñecía. En definitiva, por darlle un poder de persuasión efectivo.

Outro dos autores que poderíamos reflectir aquí, sería o propio Gonzalo Torrente Ballester, pero por non quedar na cidade naval, vir a mencionar a súa novela “Fragmentos del apocalipsis”, que mestura ficción e realidade, para nos vir contar a historia da cidade de “Villasanta de la Estrella”. É dicir, Santiago de Compostela, e a tribulacións dun escritor que pretende construír unha novela, que non pretende ser unha obra realista, senón testemuña dunha realidade.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-12-10/fragmentos-de-gtb-823772.htm

Orgullo de cidade

O amigo Pepe Fandiño presentaba, este venres pasado, o novo libro do prezado Henrique Dacosta: “O estraño caso da bicicleta amarela” (Belagua, 2022), facendo unha reivindicación do orgullo que debemos ter dunha cidade tan dinámica como Ferrol. Ten razón Fandiño e xa saben que eu son de amores pasionais. Por iso entendo tanto as súas palabras e, por suposto, a nosa cidade como ese espazo tan vital e literario dun autor tan ferrolán, tan universal, como Dacosta.

Para quen subscribe estas letras de cambio, Ferrol segue a ser o espazo de liberdade, de construción constante da propia identidade, da realidade cotiá, pero de igual xeito da cidade soñada. Sabemos que hai quen di que en Ferrol todo está mal, porque así cren non ter a obriga de arrimar o ombro. Mais, aquí facemos barcos. Tan bos, que algúns son barquiños de papel capaces de levar a ilusión da cidade por ser patrimonio mundial da Unesco.

Ferrol está cambiando porque o Mundo comeza sempre a ser mudado desde aquí. Se teñen dúbidas escoiten as voces nas nosas rúas, teñen todos os acentos, todos os idiomas están xa entre nós. Se teñen dúbidas pregúntenlles aos nosos escritores como se constrúen os relatos que abren as portas da vida.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/orgullo-cidade-4047597

https://belaguaediciones.com/inicio/91-o-estrano-caso-da-bicicleta-amarela-oito-contos-e-unha-traxicomedia.html

Do xardín do saber

Estas tardes que todos desexamos para estar no acougo das terrazas lévanos a aproveitar e, a carón dunha cervexa, andar de faladoiros cos amigos, á vez que un aproveita para mirar a prensa ben sexa en papel ou en formato dixital. E estes días que moitos autores ferroláns estivemos a pasar pola feira do libro da Coruña, alégrame saber que o profesor e amigo Henrique Dacosta “vai pechala” asinando a súa novela “Entrada ao xardín do saber”.

Precisamente, non hai moito tiven ocasión de compartir unha tarde con el e outros amigos neste café tan literario como é o Derby. Así que permítanme recomendarlles que se acheguen ás obras deste escritor noso, que o verán dá para moito e non hai nada mellor que acompañalo dunha boa lectura tranquila. A vida é isto, momentos. E seguro que temos un intre para este xardín con saberes e ese “man a man” de Vicente Risco e a precoz líder feminista Hildegart Rodríguez.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/do-xardin-do-saber-3853782