Spoiler

Hai un libro titulado: “Cómo se cuenta un cuento” de García Márquez. Unha das grandes figuras da Escola Internacional de Cine e Televisión e organizador de obradoiros de guións. A idea é que calquera suceso pode ter unha historia detrás, que o importante é a capacidade de inventarmos historias.

Atrévome a propoñerlles unha: a ficción arranca tras o triunfo electoral dun alcalde. Chegado ao cargo, vai facéndose fotos aproveitando os asuntos pechados polo anterior. Asegura que o Concello ten un furado de vinte millóns de euros, para de seguido facer as festas máis caras da cidade. Di que vai recuperar espazos para aparcar os coches e así hai quen decide deixar o seu ás portas do centro de saúde. A poucos, as árbores rebélanse por estrés e, a maiores, o alcalde desaparece. Cuestión esta última desmentida pola súa oficina de prensa. Pero, o certo é quen non está.

Para solucionar isto, a oficina pon un dobre. O problema xurde cando sae pola televisión na capital e, ao mesmo tempo, preside un evento local. Como é posible? A cidadanía divídese. Uns pensan que o verdadeiro é o de aquí, e outros o de alá. O asunto é resolver esta cuestión. Mais, a partir de aquí hai que esperar a ver o relato completo, para non facer “spoiler”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/spoiler-4415706

O Ferrol máxico

As cidades teñen múltiples facianas, é Ferrol non ía ser menos. Por iso a enorme importancia da profesión periodística que, de algún xeito, ofrece unha síntese que nos permite achegarnos á realidade local. Aínda que só sexa para que a cidadanía poidamos ter unha visión unitaria da cidade.

Pero, a pregunta e se esas realidades múltiples que conforman Ferrol, anúlanse ou van superpostas? Ás veces parecen tramas dunha novela fantástica de Álvaro Cunqueiro ou do realismo máxico de García Márquez. Así á aparente tranquilidade da cidade da Ilustración da Magdalena, o aparcar imposible de Ultramar, a rehabilitación do Recimil con okupas e a multiculturalidade dos Ensanches, acaban anegadas por políticos locais.

Entón, como son posibles estas rupturas no relato municipal a pesar da maioría absoluta? Precisamente por iso. Porque se está nunha narrativa (ou mellor na propaganda) e non na xestión das cousas. A prioridade é vender que, fronte á lentitude da administración local, a noria xira aínda que vaia a ningures, de aí os erros populistas da dereita co salario do alcalde-senador ou a confusión, asalto e caos na mobilidade arredor da praza de Armas. E iso que a oposición política está na espera cortés dos cen días.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-maxico-4390276