Supoño que esta entrega podería ser etiquetada como a dun conto máis. Pero, o certo que todo comeza nos “Diarios de Arte” de Castelao e, naquela visita cultural, que como bolseiro fixo por unha boa parte de Europa. En Berlín foi quen de achegarse ao “Konprinzenpalais” en 1921. Esta antiga residencia gobernamental prusiana, de 1919 a 1937, foi sede da colección de arte moderna alemá.

Neste museo acabou anotando, no seu caderno, que: “Frank Marc xa é outro cantar. Este artista, morto na guerra, era o máis alto representante da fracción alemá do sur e o máis importante artista do Expresionismo. O seu cadro representando catro cabalos e un cachiño do arco da vella, é a mellor obra nova que levo fitado: todo parece de vidro transparente tinxido de azul e alumeado por atrás”.
Así “A torre dos cabalos azuis” e a autosuxestión, acabaron por provocarme un estraño soño. Alí estaba eu. Vendo o mar do fin do mundo. Alén del, nada había. A carón, a entrada a unha torre de catro casas coas xanelas pechadas. Sabía que se decidía quedar só tiña que abrir as fiestras. Iso si, tiña que vivir segundo o clima de cada piso. Todos variantes dunha mesma estación, todas cubertas cun branco manto perpetuo de neve.
