As cebolas non menten

O Foro Galego Literario de Valdoviño, do mestre de poetas e narradores Antón Cortizas, vén de pechar este curso coa presenza de Rosa Aneiros. Nun ateigado acto conducido pola poeta Ana Varela, con música de Óscar Fojo e patrocinado polo Concello, presentando a súa nova novela: “A noite das cebolas”.

Debemos recoñecerlle a Rosa Aneiros a cualidade de traspasar o seu xénero narrativo primixenio. Hai na súa capacidade creativa un lirismo que sobrepasa o propio texto e acaba por se converter en verdadeira metaliteratura. Unha fase superior onde a palabra non ten límites, sendo tan infinita como a nosa propia imaxinación. “A noite das cebolas” ten voces que trasladan ao lector a unha poética que logra alcanzar a beleza.

Déixolles algunhas frases soltas desta novela: “Agás agora. Agora tiña un faro. A noite estrelada de Van Gogh. As chagas no corazón non son doadas de ver, e moito máis se ninguén mira para elas. Arela. Todo sucedeu na beleza do corazón dunha cebola. En cada semente que botamos hai un desexo oculto, o de sobrevivir. A procura da beleza ás veces agocha unha violencia aterradora. Habitar a mentira para poder sobrevivir… A faísca que prende o mundo. E así, sorprendentemente, foi”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/as-cebolas-non-menten-4866038

Rosa Aneiros

Este sábado, ás dezaoito trinta, estará na Praza da Constitución. Presentando a súa nova novela “A noite das cebolas”, dentro do feixe de actividades da Feira do Libro. Recoñezo que máis de xéneros literarios son de autoras e autores. Por iso agradezo a oportunidade que Ferrol vai ter de escoitar, a esta autora de Meirás afincada en Santiago.

A miña primeira achega a esta escritora foi con “Resistencia”, editada por Xerais, hai máis de vinte anos. En algún sitio lin que para documentarse sobre como era a vida no Portugal da ditadura fascista e da resistencia, ela decidiu chamar á sede central do PCP para procurar unha entrevista co histórico Alvaro Cunhal. E tras unha conversa con quen directamente descolgou o teléfono e ser interrogada sobre o que pretendía, atopou que xa estaba a falar con el. Toda unha lenda respondendo a unha simple chamada feita desde Galicia.

Cos anos acabei visitando a prisión de Peniche, convertida nun memorial a prol dos dereitos humanos. Alí puiden ver onde pasaron cárcere tanto Cunhal como o socialista Mario Soares. Ambos tiveron un papel destacado na historia democrática dun Portugal, que estes días celebra a súa festa nacional: a revolución de abril dos caraveis.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/rosa-aneiros-4799058

Lúa Nova no Ateneo

Hai un tempo quixen asistir á presentación da obra de Irene Montero na Libraría Cantón máis non puido ser. Pero, o club de lectura do Ateneo Ferrolán – dirixido pola profesora Ánxeles Seoane – tivo a ben darnos outra oportunidade para escoitar a esta autora e periodista ferrolá afincada na Coruña.

Ten “Lúa Nova” (Xerais 2022) o oitavo premio de novela curta Cidade Centenaria de Ribeira. Sae da temática habitual do panorama literario galego ao abordar como eixo central as discapacidades e a súa aposta pola normalización na propia sociedade. A súa protagonista é unha persoa cega que vai desenvolvendo a súa vida, con todas as dificultades que se queira, pero paso a paso. É unha escrita limpa, que permite á lectora ou lector achegarse a unha historia que permite seguila sen artificios nin estraños vieiros.

Un relato que busca sacudir as nosas indiferenzas e apostar por unha percepción da realidade de xeito inclusivo e respectuosa con todas as persoas. Entender que a vida é mellor se todas as persoas teñen a posibilidade de desenvolver todas as súas capacidades a pesar do seu punto de partida, sexa este cal sexa. Dito doutro xeito: achéguense á súa libraría, será unha lectura agradecida.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/lua-nova-no-ateneo-4746918