Eblogtv.es acaba de editar o seu documental (pincha aquí) titulado “Galicia”. Pretende ser unha visión plural da nova Galicia que xa emerxeu e que pula por mudar o país, adaptándose as novas realidades deste mundo globalizado.
Enrique Castro, promotor desta televisión por internet, que afunde as súas raíces na cultura dos blogs, introduce e fai de condutor do seu propio documental. De algún xeito, este catalán afincado en Compostela, ou este galego – catalán amosa a súa propia visión do noso país, para despois dar entrada a cinco entrevistas de xente diversa.
Estas persoas son: Natalia Fernández, da Fundación Granell; Xosé Antonio Gómez, secretario xeral de UGT Galicia; Teresa Banet, arquitecta e urbanista; Marcus Fernández, editor de Código Cero; e quen subscribe, este comentario. Obviamente, non pode ser un documental exhaustivo. Pero, si que serve para romper moitos tópicos sobre nós os galegos. Aínda que si é certo que o documental sufriu cambios desde a idea orixinal, algo normal, xa que unha cousa é o que queres facer e outra o resultado final. Máis creo, sinceramente, que ten moito interese. Rompe coa visión “folclórica” ou mirada “cara a dentro”, que soe darse da nosa terra e das nosas xentes. Estamos no mundo.
Os argumentos mencionados son variopintos; desde a actividade cultural, pasando pola situación da Galicia industrial ou desa Galicia das novas tecnoloxías, e unha moi interesante reflexión sobre o urbanismo, e a calidade de vida que nos prestan as nosas vivendas e a nosa cultura urbanista. Pola miña parte queda a reivindicación da Galicia traballadora, das cidades de Ferrol e Vigo, na consecución da España democrática e autonómica; do carácter estratéxico de Galicia como ponte entre o mundos hispano e luso.
Espero que vos guste. Parabéns (e grazas) a Enrique e a Eblogtv.