
Pasar por Pessoa é o que ten. A case obriga de saír cun libro, por moi pequeno (en tamaño) que este poida parecer. Así chegou ás miñas mans outro de Fiodor Dostoievski con dous relatos: “Novela en nove cartas” e “O grande inquisidor”.
Teño, non sei até que punto lenda urbana, a idea da existencia dunha biblioteca itinerante, que a principios do século pasado, existía nos estaleiros de Ferrol. Dicíanme que grazas a iso, os traballadores do naval de entón coñecían aos escritores clásicos, tanto franceses como rusos. O certo que ben preto, chegando case a Amboage, tiña sede o Círculo Obreiro de Cultura con máis de nove mil volumes na súa biblioteca. Esta destruída inmediatamente polos integristas católicos e falanxistas en 1936.
Tamén, hai quen contoume que, nos tempos da ditadura, de xeito clandestino seguía a circular outra biblioteca no estaleiro da antiga Bazán. Si, as letras entraban con sangue, mais ao mesmo tempo sementaban ventos de liberdade e subversión.
Con estes vimbios son normais as achegas da cidade do mar á historia grande do país. A existencia dunha clase traballadora ilustrada e cunha forte aprendizaxe nos máis variados oficios, explican unha parte esencial do ser ferrolán.
https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/dostoievski-ferrol-4900965