Como um eco perdido

Unha vez máis, vemos as dificultades que desde Galicia temos para nos relacionar co mundo editorial portugués. Acaba de chegar ás miñas mans – grazas a unha xestión da Libraría Galiano – a antoloxía que, de Rosalía de Castro, publica Officium Lectionis Edições: “Como um eco perdido”. Un traballo bilingüe e unha aproximación a “Cantares Gallegos”, “Follas novas” e “En las orillas del Sar”.

Acerta Anxo Angueira no seu limiar ao equiparar a Rosalía con Cervantes, Shakespeare ou Dante. Tamén resulta moi interesante como vai incardinando as tres obras da padronesa co momento histórico da sociedade que lle tocou vivir. Agrádame ver como escapa dos estereotipos que, por desgraza, pretenderon ensinarnos no colexio, dándolle o verdadeiro significado á figura cultural e social de Rosalía. A do rexurdimento, a feminista, a que traballa a prol dun cambio para unha Galicia moderna e igual ás demais nacións.

Talvez, desde aquí debéramos coñecer – cando menos – un pouco a pegada que Rosalía de Castro ten en Portugal. Son dos que opina que a cultura e a “variante” da nosa fala, esa que temos ao sur do río Miño debera ter acougo no noso ensino desde primaria, integrada nas materias de galego e historia.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-10-01/como-um-eco-perdido-808990.html

https://officiumlectionis.pt/produto/rosalia-de-castro-como-um-eco-perdido/

Borges, Torrente e máis

Primeiro teño que agradecer que me lean, dicirlles que cando falei de Borges non pretendía facer ningunha traza ideolóxica do autor do Aleph. Limitábame a contar o que me atrae del desde o punto de vista literario e a raíz de varias conversas, que se suscitaron de aquela, dicir que son dos que pensa que as obras – en calquera faceta humana – quedan disociadas da propia personalidade de cada autor. Falar dun creador ou creadora tampouco implica simpatizar coa esta ou aquela ideoloxía, nin xustificar nada.

Debemos queimar a “Divina Comedia” porque Dante era un integrista relixioso? “A democracia en América” pola posición de Tocqueville sobre a escravitude ou polo seu desprezo coa clase traballadora? Debemos culpar a Torrente Ballester por buscar protección ante a represión fascista, ou é moito máis importante a súa obra e a defensa que del fixeron persoas como Carvalho Calero, Álvaro Cunqueiro e Carlos Casares?

Permítanme contarlles que hai pouco puiden recuperar a miña colección das catorce obras de Torrente Ballester. Agora están a carón da súa “Antología de José Antonio” (FE 1940) e de “Gonzalo Torrente Ballester: biografía de un ferrolano” de quen foi profesor meu, José Antonio Ponte Far.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/borges-torrente-e-mais-5050927

O espello roto

A taberna Ábaco é un dos locais máis senlleiros de Ferrol. A súa decoración lembra á que temos interiorizada dos pubs irlandeses. Como todos saben, a súa barra está presidida por dúas sereas que nos invitan a mergullarnos nos pensamentos, cara a ningures. Máis, sabendo que nas súas paredes atopamos os retratos do impresionista Vicent Van Gogh e da matriarca de Galicia, a nosa Rosalía. Así como ese reloxo, que di, importado do país da arpa dourada.

Talvez, esta decoración á irlandesa sería completa se a carón da gramola tiveran un exemplar do Ulises de James Joyce, xunto cun espello roto dunha criada. Isto último como símbolo da arte deste país irmán.

Esta pasaxe do espello roto é unha imaxe poderosa do Joyce referente das vangardas do modernismo, que resúltame moi atraente. Ao igual que Dante, el axustou contas cos seus contemporáneos, de aí esa íntima relación entre a Divina Comedia e o Ulises. O espello roto é unha provocación contra os reducionismos locais, onde o autor de Dublineses relativiza as influencias na cultura e na lingua. Así, atrévese a contradicir a Aristóteles e afirma que a vida é quen imita á arte, seguindo a estela deixada por Oscar Wilde e a súa decadencia da mentira.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/espello-roto-4932076

Abismo

Os escritos de Dante sobre o abismo seguen a estar en pleno vigor. Estes días, Hamas decidiu copiar ao exército israelí no seu xeito de actuar, incluídos os secuestros de nenos e civís. Salta polos aires a suposta supremacía israelí. País, este último, preso dunha confrontación interna pola corrupción de Netanyahu e a supresión do estado de dereito.

A Unión Europea decidiu só condenar a Hamas e apoiar ao primeiro ministro israelí, facendo un fraco favor aos dereitos de ucraínos, armenios e saharianos. O argumento que vale para xustificar a ocupación, o supremacismo xudeu e as políticas de apartheid de Israel contra a poboación palestina, serven para “lexitimar” as outras guerras. A xustiza e a lei teñen que ser iguais para todos.

Mentres, na terra patria, Ayuso, Abascal e Feijoo foron a soltar a Barcelona os seus odios á España plural e diversa, cun discurso guerra-civilista que fainos culpables – de non sei que – a ese corenta e cinco por cento de españois que vivimos en comunidades autónomas con lingua propia.

Mais, o meu interese hoxe é pedirlle perdón ao meu amigo, irmán, ao doutor Mohamed Safa, palestino, defensor dos dereitos do seu pobo e galego de adopción, por ser eu cidadán dunha Europa hipócrita.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/abismo-4470329