Bonos activa comercio

A pesar de que, teoricamente, os consumidores poderíamos descargar os bonos de desconto da Xunta de Galicia o letreiro é claro: “Rexistro de usuarios pechado”. Os bonos activa comercio era unha campaña que, inicialmente, ía descorrer entre o catro de novembro até o día de fin de ano. Pero, non foi así. En dous días os fondos aportados pola administración autonómica, de dous millóns e medio de euros, esgotáronse.

Seguramente, esta campaña autonómica acadou os obxectivos dos seus promotores políticos. Encheu os xornais, as radios e as televisións de noticias e fotos para eles. A Xunta poderá darnos os datos do retorno económico que, presumiblemente, parece que vai ir para o pequeno comercio. Tamén, é necesario saber quen realmente foron os beneficiarios finais. Se cumpren ser un comercio de proximidade ou se, ante a falta dunha maior regulación, son as grandes cadeas comerciais, as franquías ou as grandes marcas.

Ao comercio comarcal a campaña sábelle a pouco, o runrún di que eses bonos foron como botar unhas gotas no deserto do Sáhara. O pequeno comercio resiste. Grazas ao seu bo produto, ao seu trato personalizado e á súa profesionalidade. Son un ben ao servizo do conxunto da cidadanía.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/bonos-activa-comercio-5077175

Rebaixas en Ferrol

Teño unha enorme curiosidade por saber, se realmente, están a funcionar as rebaixas en Ferrol. Se o ano pasado os comerciantes de Pontevedra pedían volver as datas de sempre para as rebaixas, fronte a esta situación actual de “permanentes”, agora son os da cidade da Coruña quen se manifestan neste senso. Así cando un vai paseando pola cidade, ve que as terrazas están cheas e poucos comercios funcionan realmente, e hai preguntas para as que non teño respostas.

O que si teño claro é que unha boa parte da cidadanía, ante a inflación que se come os seus salarios, están centrados no pago das facturas diarias e priorizan despois o seu ocio. Teño claro que é a poboación comarcal a clientela base do comercio local, que os usuarios dos pisos turísticos van máis aos supermercados e menos a hostalería, que aos peregrinos abóndalles co peso das súas mochilas. E dos Cruceiros que chegan a Ferrol dá para pouco máis que para cafés na Magdalena.

Os comercios que realmente están a funcionar son os de toda a vida, que son conscientes que hai que resistir e compensar meses bos con outros menos agraciados, que saben que deben facer fronte á realidade coa calidade do seu produto e cun trato persoal altamente profesional.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/rebaixas-ferrol-4364698

Emprendemento

Importante noticia a recollida por este xornal e, máis, cando aínda estamos saíndo a poucos (sexamos optimistas) desta estraña situación da Covid-19: o programa de apoio ao comercio minorista, subscrito polo Ministerio de Industria e as Cámaras de Comercio coa participación da concellaría de Promoción Económica de Ferrol, encabezada por Mayte Deus.

Dar apoio a este sector maltratado polas diversas crises económicas, sanitaria e a competencia desleal das grandes plataformas globais e fomentar alternativas para locais vacíos e novos emprendementos é unha necesidade que debera axudar aos autónomos e ao comercio de proximidade.

E hai que ser extremadamente didácticos. Explicar claramente a contía das axudas, destinatarios finais e simplificar trámites. Así como facer pedagoxía cando se refiren ao “laboratorio de ideas” ou como van facer realidade os “grupos motor”. A iniciativa paga a pena.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3337468/emprendemento