O conto da serea

Se pousamos a mirada nos autores clásicos da nosa cultura, aí temos – por comezar outra vez por el – a Castelao, que como non lle gustaba a bandeira oficial galega con motivos relixiosos, foi quen de idear outro cunha serea, a fouce e a estrela, baixo o coñecido lema: “denantes mortos que escravos”, representando a liberdade.

Posiblemente, a inspiración sexa a mesma que na heráldica galega, ou que no caso do ferrolán Gonzalo Torrente Ballester e o seu relato: “El cuento de la sirena”. Esta novela curta narra a historia da familia dos Mariños (unha lenda que entronca co nobiliario do conde de Barcelos, fillo do rei portugués Don Dinis), cuxos descendentes – se tiñan os ollos azuis e escamas – eran arrebatados para vivir coa serea. Así de xeito natural, únense dúas historias: a de Galicia con Portugal e dáse continuidade á lenda da Odisea. Seguindo este último fío Alvaro Cunqueiro publicará antes, en 1960, “Las mocedades de Ulises”.

Á marxe do idioma usado por cada quen, é evidente que beben nunha fonte cultural común. Iso non desmerece, por exemplo, as influencias cervantinas de Torrente. Simplemente, porque unhas non substitúen ás outras, senón que vanse fusionando para ser reinterpretadas.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/articulo/opinion/conto-da-serea-5421743

O cartel

Son fan do cartel e de todo aquelo que este soporte poida levar. A capacidade creativa artística sumada a un lema que sintetiza unha idea. Ben sexa cun obxectivo soamente comercial, político ou unha moxena irreverente que capte a nosa atención, de algún xeito. Atraparnos en definitiva.

É certo que cada vez hai menos nas nosas rúas, á marxe das grandes vallas comerciais ou dos famosos “mupis”. O feito de “manter limpa a cidade” vai en detrimento do cartel, así como dese fillo pequeno que é o grafiti. Non me mal interpreten, toda esta actividade esixe uns criterios de calidade artística e literaria, senón son simples borróns que para nada serven.

O tradicional cartel ten a súa casa natural na prensa, ben como anuncio ou como caricatura humorística e a imaxe deu unha variante moito máis abundante nos anuncios radiofónicos, televisivos e nas redes sociais. Asómbrame, se de verdade hai arte e un bon guión, esa capacidade de contar unha historia en vinte segundos. Son verdadeiros relatos curtos.

Castelao era devoto do cartel e do grafismo humorístico. A maiores, os seus diarios de arte están a nivel de calquera intelectual europeo contemporáneo. Dicía el que o cartel é “un berro pegado nunha parede”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/cartel-5161527

Lean a Castelao

Hai libros que, polas circunstancias históricas, acaban sendo sagrados. Moitas veces son enarborados como autos de fe e, curiosamente, poucos os leron realmente e, menos, son capaces de facer unha práctica coherente coas “ensinanzas do mestre”.

Así acontece co “Sempre en Galicia” de Daniel Rodríguez Castelao. Permítanme contarlles que hai case tres décadas fíxenme coas súas obras completas na edición de Akal e este bautizado oficialmente como o seu ano, fixo que volvera – outra vez – a el, revisando as miñas notas e marcas estampadas nas súas páxinas.

Castelao ministro do goberno de España no exilio, presidente do Consello de Galicia, principal promotor do Estatuto de 1936 e, polo tanto, raíz do actual Estatuto galego, Castelao contra o racismo e a xenofobia. Este defensor da autonomía, da república e unha das principais figuras do federalismo español, merece un maior respecto. A mitificación, veña de onde veña, supón baleirar a súa obra de contido. Convertelo nunha marca comercial.

Achéguense aos seus textos. Fagan unha reflexión limpa e sen prexuízos. Achéguense ao “Sempre en Galiza” sen sectarismos, pero tamén ao conxunto da súa obra narrativa, teatral e aos seus diarios de arte. Paga a pena.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/lean-castelao-5146319

https://www.akal.com/search/?q=castelao