Arredemo e Burla Negra contra Reganosa

Logo Burla NegraEste sábado 2 de febreiro, ás 20:30 horas, o centro sociocultural Torrente Ballester (Ferrol) acollerá o espectáculo colectivo “Ultranoite en defensa da Ría”, producido pola Rede de Acción Sociocultural Arredemo e Burla Negra, a modo de homenaxe aos veciños/as de Mehá e á xente do Comité Cidadán de Emerxencia, é como denuncia da actitude servil a intereses económicos particulares manifestada polos gobernos da anterior e da actual lexislatura, e que se traducen na imposición da planta regasificadora contra os intereses da cidadanía e do ben común.

 O espectáculo contará coa participación, entre outros, de: Chévere (Mónica García, Miguel de Lira, Xesús Ron…), Carlos Santiago, Espido (Guadi Galego e Guillermo Fernández), o Mago Romarís, Os da Ría, Clara Gayo, A Caricia da Serpe (Lino Braxe, Rómulo Sanjurjo), Volta e Dalle (Pepe Penabade, Comba Campoy…), o colectivo de circo Pista Catro, Rebeca Montero, e os músicos Bernardo Martínez, Xoan Piñón, Xaquín Blanco, Suso Alonso e Xabier Olite, coa actuación estelar das “cantareiras e cantareiros de Mehá”.

Máis na web do Comité Cidadán (pincha aquí).

Isaac Díaz Pardo

Isaac D�az Pardo e Fuco Buxán

Dentro dunhas horas empezará no Instituto Galego de Información, ás aforas de Compostela, un recoñecemento máis á labor a prol de Galicia, das súas xentes e da nosa cultura de Isaac, organizado por Burla Negra e Arredemo. Sirvan estas palabras para sumarme a esta iniciativa, ás que desde Fuco Buxán tamén, obviamente, síntese moi preto.

O 30 de agosto de 2007, tiven ocasión de visitalo xunto cunha delegación da directiva de Fuco Buxán. Tras comer con el no centro do casco vello de Compostela, pola tarde inaugurou a nosa exposición sobre os efectos do Muro israelí sobre a poboación palestina dos territorios ocupados. Nesta ocasión estivemos acompañados polo presidente da Fundación Araguaney, o sr. Jaber.

Estes días hai un ano, en Ferrol Fuco Buxán organizou a homenaxe galega a Isaac, que se desenvolveu no Teatro Jofre, e que ademais do cheo total do aforo, contamos coa presenza e adhesión de múltiples personalidades e institucións de Galicia.

A batalla de Sargadelos é un grave erro por parte de aqueles que poden estar tentados en cambiar as señas de identidade do grupo creado por Díaz Pardo e Luís Seoane. Sempre digo, que xunto coa Editorial Galaxia forman parte da nosa identidade nacional como pobo. E Isaac está no máis profundo do noso sentir galego, de feito o que lle está a pasar parece reflectir a nosa propia Historia nacional.

Déixovos cun tráiler que foi presentado hai un ano na Homenaxe Galega, organizada por Fuco Buxán e que é obra do amigo Xosé Abad, avance dun traballo moito máis amplo no seu día emitido pola TVG.

¡Sempre con Isaac Díaz Pardo!