Esperando os bárbaros

Estes días estiven lendo un artigo do periodista Xabier Fortes titulado: “Esperando a los bárbaros”. Unha defensa do periodismo, da información veraz e dos periodistas que están sendo criticados, e en moitos caso acosados, por non censurarse e menos prestarse a ser cómplices da mentira.

Non coñezo ao periodista, pero por cousas da vida, si coñecín – hai máis de trinta e cinco anos – ao pai, Xosé Fortes Bouzán. Nesa época, quen subscribe esta columna, acababa de chegar á executiva comarcal socialista, adscrito á secretaría de organización que dirixía Carmelo Teixeiro, sendo secretario xeral Bonifacio Borreiros. Sobradamente coñecidos en Ferrolterra e na cidade naval.

Un día acompañei a Borreiros e acabamos en Pontevedra ceando cunha persoa, da que entón eu non me decatei da súa verdadeira importancia até moitos anos despois. Para aqueles meus vinte e poucos anos, Xosé Fortes era un militar reconvertido en profesor de historia. En fin, uns destes regalos que dáche a vida, cando só mereces un tirón de orella. Estaba eu ante un dos fundadores da “Unión Militar Demócrata”, á que tanto deben as nosas actuais forzas armadas. Un Xosé Fortes quen tivo que vivir entre os “bárbaros” do franquismo.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-10-08/esperando-os-barbaros-810386.html

Bonifacio Borreiros

A Bonifacio coñecino da man de Carmelo Teixeiro ao calor das municipais de 1991. Era o secretario xeral da comarcal e deputado autonómico polo PSdeG, Carmelo era entón o secretario de organización. Foron anos intensos, moitas cousas vividas, ata leváronnos ao xulgado por defender Ferrol, tíñamos razón -e gañamos aquel xuízo- pero case quedamos de aquela expulsados das filas socialistas. Eu era un mozo que foi aprendendo dos dous moitas cousas, igual iso explica a miña rebeldía.

O dezanove de xuño vai haber unha homenaxe a Bonifacio en Narón. A cargo da Asociación de Amigos do Arte, en forma de primeiro premio de pintura, cunha inauguración onde estarán uns bos amigos del, como o presidente González Laxe -xuntos compartiron militancia no PSG e responsabilidades na Xunta- ou como o libreiro Álvaro Espilla. Así como Narciso Pillo, Andrés Pena e Julia Dopico Vale. Parabéns pola iniciativa.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/bonifacio-borreiros/20180523235049226635.html