Residencias públicas?

A atención ás persoas maiores require de moito persoal, altamente especializado e con grandes investimentos para asegurar un trato axeitado e humano. De feito, todos sabemos que as pensións dos usuarios das residencias de maiores non cobren os gastos, tendo que ser complementados polas familias e a administración autonómica. O fondo da cuestión radica en saber se estamos ante un servizo público esencial ou isto queda suxeito ao “libre mercado”.

Sabemos que en outubro a Xunta recepcionará en Ferrol a nova residencia “pública” que a Fundación Amancio Ortega entregaralle vía doazón. Así, o que debería facer a Consellería de Política Social sería dotar de orzamento e convocar as prazas para ter o persoal necesario, pero isto non vai a ser xa que vaise privatizar a xestión.

O primeiro obxectivo da concesionaria será deseñar unha xerencia que lle permita gañar diñeiro. Para iso son unha empresa. Lexítimo interese que choca cos dereitos dos usuarios a unha atención axeitada. Máximo nun sector tan precarizado, con pouco persoal e en moitos casos por debaixo do salario mínimo. A Xunta aínda pode apostar por unhas verdadeiras residencias públicas e poñer orde tanto no sector público como privado.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/articulo/opinion/residencias-publicas-5429659