Somos galegos

En dous momentos, por separado, tiven a mesma conversa con Miguel Toval de Edicións Embora e Quique Alvarellos de Alvarellos Editora. Con eles o meu aserto ía sobre a nula relación entre o mundo do libro portugués e o galego, das dificultades para atopar os libros editados ao sur do Miño nas librarías galegas e da nula presencia das autoras e autores galegos en Portugal. Sendo isto algo extraordinario, podemos atopar algunha cousa de Rosalía.

A nosa historia, o devir da nosa cultura e da nosa lingua só pode ser explicada en íntima relación co desenvolvemento que deu lugar ao nacemento separado de Portugal. O certo é que, a relación coa lingua portuguesa, ao galego vaille moi ben. Os tempos son chegados, e non hai nada como a verdade e saber do erro de non asumir, na Transición democrática, a “valentía” da normativa de Carvalho Calero.

Agora, que os partidos con representación no Parlamento de Galicia – esperemos que tamén o BNG se sume – están a debater un novo acordo a prol da lingua galega, deberan co seu apoio e da propia Xunta de Galicia apostar por unha relación fluída, hoxe inexistente, entre o mercado do libro galego e portugués. Dicía Castelao que somos galegos por mor do idioma.