A construción e o desenvolvemento dunha sociedade necesita atrapar os seus soños e transformalos en palabras. Mais, elas poden ser levadas polo vento ou acabar por non significar nada, senón tes os instrumentos e os soportes axeitados.
Así cando as xentes teñen autoestima e conciencia de seu, buscan avanzar e mellorar a súa vida, inician unha aventura única como é levantar, polo seu esforzo, unha voz propia como comezou nesta comarca un dous de xuño de mil novecentos noventa e nove. A transformación do papel en páxinas que contan as cousas que nos están a pasar, mesturado cos desexos da poboación local, configura unha alma única da que nace o Diario de Ferrol.
Un proxecto colectivo deste tipo ten nomes e apelidos que deben ser recoñecidos. As das e dos periodistas e traballadores, que co seu saber facer abonaron (no pasado e no presente) as raíces e danlle unha terra fértil no que crecer. Souberon sortear as dificultades e estar nesas rachas tanto malas como boas, que o devir da vida vainos dando a todos. A maiores, o Diario de Ferrol marca un plus no periodismo galego ao ser a única cabeceira que ten a unha muller, Cristina R. Calvo, como directora.
Múltiples son os intereses, incluso contraditorios nunha sociedade como a que engloba ás comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Aí, un xornal local, é quen de facer a síntese necesaria e darlle acougo a tan variados sectores. Desde traballadores a Empresas, así como autónomos e pequenos empresarios, colectivos culturais e cívicos de toda índole. Afortunadamente, unha cabeceira como o Diario de Ferrol non sofre a fraxilidade das formacións políticas locais, nin ten os pés pesados das diversas institucións e entes similares.
O Diario de Ferrol ensinounos a todos que sempre hai un camiño polo que andar, tan importante como as metas que nos propoñemos, que hai alternativas, que somos unha sociedade europea con problemas europeos, que o futuro é un presente continuo que obríganos a dar o mellor de nós. Traballo e esforzo, así é a vida. O seu compromiso e con nós e con ninguén máis.
Precisamente, para evitar a melancolía que traen os contratempos e as inxustizas sociais, é necesaria a acción intelixente de pensar, facer e aglutinar propostas de presente e futuro, desde aquí á nosa sociedade. Un auténtico “think tank” para as tres comarcas. Un verdadeiro “lobby” aglutinador de vontades e esforzos, que van servir para romper eses muros invisibles, que temos as xentes e as comarcas que vivimos nesta terra situada ao norte do norte oficial. Por iso, o Diario de Ferrol é un verdadeiro xermolo e aditivo de sentimentos e iniciativas que dan lugar a un ser vivo que ten a vontade da alegría que – sempre – é imparable.
Diario de Ferrol, altofalante de Ferrolterra, Eume e Ortegal. De aquí e para aquí, con sede na cidade do mar. A arte de contar as nosas cousas e que así fainos maiores de idade. Unha obra colectiva, aberta e inacabada que precisa ser cuidada por todas e todos.


