O “Runrún” de Ana Varela

Acaba de chegar a todas as librarías do país. E quen subscribe esta columna xa ten na man esta primeira novela da naronesa Ana Varela, premiada anteriormente co XXI Certame Francisco Añón e o VI Premio Gonzalo López Abente, ambos os dous de poesía.

A miña primeira achega á súa obra foi en “Onde nacen as hedras” (Editorial Xerais) e tiven a enorme sorte, de que xunto con Henrique Dacosta, quixera ela participar na presentación do meu segundo poemario “Terra e Mar” na Libraría Galiano de Ferrol.

Agora, Ana publica esta primeira narración coa Editorial Galaxia, na sección Ronsel que busca dar cabida a “novas voces e novas temáticas das nosas letras”. Non lles vou destripar o argumento do libro. Iso si, recoméndollo encarecidamente. A maiores, vou “apropiarme” dunhas letras da autora escritas no meu exemplar do seu segundo poemario: “porque nacemos como as hedras, entre as pedras da casa, que caen e aínda así sobrevivimos”. A vida é isto e escribir é sobrevivir buscando a esperanza do futuro.

Xa saben que os bos acontecementos hai que compartilos, saudar con alegría que sexamos unha terra, neste caso, de creadoras e aos máis que seguros éxitos dunha novela como esta de “Runrún”. Parabéns Ana.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/runrun-ana-varela-5043441

A capacidade de xestionar

Andan as entidades veciñais revoltas en Ferrol, e se por algo se caracterizan é por facer esforzos por levarse ben cos sucesivos gobernos municipais, sen importarlles a súa cor. Elas están a algo “tan conservador” como buscar solucións para os problemas do día a día dos seus barrios. Non teñen teñen tempo para retóricas.

Queren solucións a problemas reais e inmediatos e agora non hai escusas. Lembran aquelo de que Ferrol necesitaba unha maioría absoluta? Pois, parece que iso quedou nun simple eslogan de campaña. Agora, resulta que trece son menos que oito.

Outra cousa que sae mal é o populismo. A renuncia á recadación por infraccións de tráfico acaba de facerlle un burato ás contas municipais de dous millóns de euros, que a actual corporación popular pretende paliar subindo un dez por cento o IBI a toda a cidadanía. Iso si, deixando que os bens da Xunta de Galicia non tributen por este concepto, algo que ninguén pode entender.

Si, a xestión desta maioría absoluta descansa na afabilidade do alcalde Rey Varela e na fichaxe de Ponte Far, concelleiro de cultura. Pero, todo goberno serio necesita amosar a súa capacidade de xestionar as cousas que inciden directamente na vida da cidadanía.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/capacidade-xestionar-5033429

O Bátava

Son consciente de que a voz “pub” vai asociada ao simple consumismo e se a queremos unir con cultura parece un atrevemento. Pero, esta “disonancia” pódese mudar nunha experiencia que a sume.

Para isto son necesarios varios ingredientes, onde a posibilidade de manter unha conversa de xeito normal, está no corazón da súa oferta. Así a música debe acompañar e contribuír ao bo ambiente e á socialización buscada. A escusa primixenia “tomarse unha copa” convértese en cultura, cando os produtos a consumir son dunha indubidable calidade e a carón a atención é feita por verdadeiros profesionais, que coñecen todos os vértices das bebidas que serven á clientela: saber a súa orixe, a súa colleita e como se transforma nese manxar que, con ou sen alcol, te están a servir. En definitiva, a súas historia e intrahistoria.

Isto en Ferrol é posible. Aí está para confirmar as miñas palabras o “pub Bátava” na estrada de Catabois, fronteira co antigo Sánchez Aguilera. Un pub único e singular non só na cidade do mar, senón no conxunto do país en sentido amplo. O Bátava é un lugar de cultura viva.

Como curiosidade lembremos que houbo unha nación bátava na época romana e unha república bátava no XVIII, hoxe Países Baixos.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/batava-5025391

Novela de xadrez

Di Eva Veiga que soñar é a única distancia real coa morte. En min hai tamén a percepción de que a lingua elude, como ela ben asegura, un baleiro que se abraza aos días como unha árbore sen pólas nin raíces. Si, un murmurio de palabras ás que un se acostuma como ese ruído de fondo, das que queres ser un cómplice seguro.

Oxalá fose así, porque un podería pensar que hai unha oportunidade para aquelas cousas ás que non tivo ocasión de alcanzar. É imposible mirar atrás, sería tanto como saberse cego. E a vida ten os seus propios vieiros e o noso albedrío está condicionado polo berce. A meritocracia é un invento dos de arriba para que os de abaixo crean que todos somos iguais.

Se de verdade houbera algo alén, eu pediría ser editor de libros. Gústanme esas pequenas editoriais que dedican os seus esforzos á tradución de autoras e autores “clásicos” (habería que definir este término). Ultimamente, ando a ler a Stefan Zweig. Tras “Mendel el de los libros” e “Carta de una desconocida” na editorial Acantilado, estou coa “Novela de xadrez” nunha moi boa edición ao galego das Irmás Cartoné, aínda que tamén a teñen na editorial Ir Indo. Traducir obras foráneas ao galego é unha aposta pola nosa cultura.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/novela-xadrez-5017421

Soneto a Cristo crucificado

A beleza estivo presente este sábado pasado en Ferrol. O proxecto Concerto Novo encheron coas súas voces a Capela da Mercé da praza de Amboaxe. Cun programa de oito obras, delas tres de estrea absoluta. Meu recoñecemento aos dezaoitos anos da coral e ao seu director José Antonio García Mato.

Acertada a presenza dos dous compositores musicais e da poetisa Eva Veiga. Desta última sinto envexa sa. Unhas voces únicas, que con música de Julio Domínguez, converten un poema teu nunha vitoria da palabra contra o esquecemento e fronte o paso do tempo. Tres alalás musicados polo valisoletano Agustín Javier Lázaro Santos, unha aposta e un compromiso coa música máis tradicional galega.

Como salvagarda final, permítanme sinalar o canto do “Soneto a Cristo crucificado”. Un poema místico do século dezaseis musicado por José María Pérez Pastor. Din os seus versos iniciais: “Non me move, meu Deus, para quererte/ o Ceo que me tes prometido,/nin me move o Inferno tan temido,/para deixar por iso de ofenderte”.

É evidente que a arte sacra, en todas as súas vertentes, vai alén do feito relixioso. Permite a crentes, agnósticos e ateos participar de algo tan humano como é a creación artística para exaltar a vida.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/soneto-cristo-crucificado-5009167