Torregrosa

Hai momentos na vida que a luz do día desaparece. Pero, o problema non é se iso é tal ou só unha ilusión visual. O problema radica cando iso reflicte un fondo sentimento persoal. Publicamente, recoñezo que a túa marcha definitiva, querido José, prodúceme un enorme golpe no corazón. Que racha a miña alma pola metade, deixándome unha enorme orfandade.

As palabras non son quen de traducir as bágoas que afogan a miña respiración. Nada pode confortarme, nin saber que o tempo é inexorable e que sempre nos gaña a derradeira partida.

Contigo aprendín da xenerosidade que hai nas miradas limpas, que o mundo constrúese con palabras verdadeiras que dan os poemas que expresan a paixón pola vida. Aprendín que sempre hai unha oportunidade para ser mellores, que é posible sumar en vez de restar. Que o importante non é o “eu”, senón o “nós” e que detrás nosa virán outros a coller o testemuño.

A cidade do mar queda co teu legado de humanidade. Eu só pido ser coherente coas túas ensinanzas. Teño unha enorme envexa de aqueles que din que hai vida máis alá. Cando chegue a miña escuridade final, buscarei – se é posible – esa luz eterna e a senda dos poetas que me leve de novo a José Torregrosa, querido amigo.

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.