Homero

Desde a noite dos tempos hai unha polémica nunca pechada. A pretensión do filósofo Platón de expulsar do corazón do pobo aos poetas e, en primeiro lugar, a Homero. Para el, este último en vez exaltar a súa concepción da virtude, glorifica os vicios e amosa aos deuses baixo as paixóns máis mundanas.

Non é que haxa unha condena total á poesía, pero si a aquela que, por así dicilo, non exaltaba as “virtudes patrióticas” nos militares e na cidadanía. Ao mesmo tempo, que desbotaba toda aquela que non daba unha imaxe da grandiosidade e exemplo das divindades. Mais, os problemas viñan de que mentres a filosofía necesitaba do debate, do estudio e da reflexión, a poesía apelaba ás emocións e como a transmisión era oral, esta última acompañada da música e das outras artes interpretativas, levaba as de gañar.

Non hai que esquecer que para as xentes da Grecia clásica os textos de Homero, tanto a “Ilíada” como a “Odisea”, eran considerados sagrados (recomendo as súas versións galegas), tanto como hoxe poden ser a Torá para os xudeus, a Biblia para os cristiáns e o Corán para os musulmáns. Si, nos versos de Homero buscaban as respostas e os deuses eran tan humanos que parecían unha creación destes últimos.

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.