Segundo conto de Nadal

Quedaramos – fai un ano – en que un lóstrego (ou era un arco da vella?) provocara unha morea de luces de cores, e así na cidade do mar, non onde acada o mundo, senón onde realmente comeza, foi testemuña de que algo raro, pero estrañamente acolledor estaba a acontecer.

Os problemas desapareceran e cada quen parecía que podía acariñar os seus máis fondos desexos, pero os de verdade, aqueles que gustan porque non fan dano. A xente parábase na rúa, simplemente a falar e repartir apertas como se estas nunca foran a esgotarse. Iso causaba as risas das nenas e dos nenos, porque – como xa se sabe sempre – eles son os que teñen as súas cabezas ben asentadas sobre os ombros, non como os maiores que as van perdendo a poucos.

Agora, ninguén discutía. Todo era amabilidade, incluso ninguén devolvía aquel libro que lido, non gustara á libraría, para despois poñer unha reclamación. O mundo era o mundo, pero xa non era o dos maiores, senón de aqueles que sabían que era posible ser felices vendo aos demais ser felices. Era, deben sabelo, Nadal. E daba igual se crías ou non, se desta ou de aquela igrexa ou de ningunha. O importante era que a cidade do mar era de todos. Tamén túa. Felices festas… (continuará).

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-12-24/segundo-conto-de-nadal-826677.html

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.