Dinme que cada vez escribo menos sobre política local e teño que facerlles unha confesión: abúrreme. Non a política local, que se é da boa, está centrada en solucionar os problemas inmediatos e máis de preto da cidadanía, senón o xeito que os diversos “aparatos” dos grupos políticos a están a facer.
Basicamente, na miña opinión, seguen ancorados nos anos noventa do século pasado. Iso lévaos a pensar que as grandes obras e os grandes titulares reflectidos na prensa son os que moven o voto cidadán. O certo, é que si, son esixencias cidadás, pero considerase amortizadas, máis se veñen con décadas de atraso e se as teñen que sufrir, directamente, por ser de longa duración.
Seguen a pensar que, con falar nun pleno municipal, iso xa abonda. Cando – se teñen sorte – acabarán saíndo nunhas liñas no xornal do día seguinte, a carón da crónica da sesión. Mentres, estamos asistindo a un cambio substancial na conformación demográfica de Ferrol e problemas como a falta de vivenda asequible ou a suba dos impostos municipais están na orde do día. Igual deberan – os nosos políticos – buscar unha comunicación directa coa cidadanía e falar diso, que na esquerda chamábase “o socialismo das pequenas cousas”.
https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/as-pequenas-cousas-5359578