Mariscadoras e mariscadores de Ferrol e Barallobre están de acampada diante da Xunta de Galicia. Reclaman poder vivir do seu traballo, unha ría en condicións ambientais axeitadas e uns políticos que deixen de mirarse o embigo.
Merecen estes traballadores toda a solidariedade e que os acompañemos na súa loita. De xeito continuo lánzanse campañas de desprestixio contra deles e delas. Tirar do raño dende unha barca ou romper as costas parecen actividades perigosas que, os nosos gobernantes, consideran que incitan á rebeldía.
Van a por eles. En novembro serán xulgados nove mariscadores que, en maio do 2007, pecharon a ría á entrada ilegal de gaseiros, máis ninguén das asociacións cós acompañaba. Recentemente, o mariscador Vázquez Pichín foi condenado a raíz dunhas mobilizacións, en base a probas circunstanciais e prexuízos que acaban nun vergoñento “díxome-díxome”. Procede o indulto para el e o arquivo da causa contra os seus compañeiros.
As Administracións, Xunta incluída, son servís cos poderes económicos. Os mariscadores – elas e eles – son incómodos, porque sempre estiveron na vangarda das loitas na nosa cidade, contra Reganosa e na rexeneración dunha ría ferrolá que, dende os tempos de Manuel Fraga, o PP considerou que debía ser sacrificada. Os poderes públicos están obrigados a facer fronte aos abusos contra a súa sociedade. O contrario é fomentar aquelo de Rosalía: a xustiza pola man.
Enlace a Diario de Ferrol.
Pingback: Mariscadores