O poder da risa

Sara subiu unha foto dela rindo ás súas redes sociais e ao pé puxo: “Nada é máis valioso ca risa”. Isto levoume a buscar o libro de Umberto Eco “O nome da rosa” e a revisar o diálogo entre o franciscano Guillerme de Baskerville e o vello bibliotecario cego da abadía Jorge de Burgos. Este último inspirado na figura de Jorge Luis Borges, por momentos tamén bibliotecario, que tiraba das súas dotes oratorias e memorísticas para paliar os impedimentos da súa cegueira.

Aquel debate versaba sobre o segundo libro de Aristóteles que Eco atribúe, fundamentalmente, ao estudio da comedia e da risa. O vello bibliotecario, convertido nun extremista defensor da súa verdade acaba sendo un asasino de todos aqueles que pretenden ler esta obra, ante o temor de que a reputación do filósofo grego converta o seu tratado sobre a risa nun poder subversivo. Non temes a aquelo do que fas burla.

A maiores, Jorge de Burgos cre ca risa pode provocar a libre elección da xente e do seu xeito de vivir, sen as normas impostas por uns que consideran que a súa é a verdade única e o seu poder lei, que hai que cumprir. En calquera caso, si, anoten: nada hai máis valioso ca risa, fomenta a felicidade e a liberdade das persoas.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/poder-da-risa-5068098

Os libros alargan a vida

Permítanme un trisco de fachenda. Comparto con Umberto Eco un ateísmo interesado no mundo relixioso e na paixón polos libros. Nos anos noventa do século pasado, publicaba o autor de “O nome da rosa” un artigo no que explicaba como fora aquel salto, onde a nosa memoria comeza a ser transmitida pola escrita. Así como a invención de novas máquinas e aplicacións informáticas que parecían querer esquecelas.

Umberto Eco sempre alertaba sobre os analfabetos que van sobre rodas. Na súa devoción polos libros consideraba que a escritura, en xeral a linguaxe, prolongan a vida. Antes, e da transmisión oral, as persoas nacían sen experiencia e non tiñan tempo para facerse con ela, para finalmente morrer. A vantaxe dos que len sobre os quen non, é que estes últimos só viven a súa vida, mentres os primeiros todas. Ademais, ler axuda a detectar as mentiras.

Así, o autor “Da estupidez á loucura” considera a lectura e os libros un antídoto contra a nosa propensión natural cara o odio, que resulta moi fácil cultivalo polos novos aspirantes a “caudillos pola gracia de Deus”. O odio é xeneroso, filantrópico e abraza a inmensas multitudes. O libro é un seguro de vida, e si, un pequeno anticipo da inmortalidade.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/libros-alargan-vida-4514796