Fin de ciclo ou refundación da socialdemocracia?

Vaia por diante o meu recoñecemento a Ignacio Ramonet, e que son subscritor da edición española de Le Monde Diplomatique. Pero, sempre que fala da esquerda europea sinto un enorme desacougo. Como así pásame coa lectura do seu artigo “Socialdemocracia, fin de ciclo”.

Todas as críticas que verte no seu artigo son certas, pero gabarse da derrota dos partidos socialistas e socialdemócratas é un erro. Sobre todo, porque nada hai alternativo á súa esquerda. É dicir, se tomamos como lema aquelo de “socialismo ou barbarie”, estaríamos – sendo consecuentes co artigo de Ramonet – nesta última parte. E non creo que dun desastre, como sería a hexemonía absoluta da dereita máis radical, da fame, saia ningún proxecto de transformación social.

É recorrente por parte de Ramonet este tipo de críticas. Pero, que papel xogan as outras esquerdas; non merecen tamén un xuízo demoledor? Porque se sacamos os éxitos – modestos – do portugués “Bloco de Esquerdas” e de “Die Linke” de Oskar Lanfontaine, todo o demais é un páramo. No caso español, a famosa “refundación da esquerda” móvese entre aqueles que vinte anos despois aínda choran pola crise do comunismo, e aqueles que saben que calquera proxecto de esquerda alternativa viable pasa precisamente pola desaparición definitiva do que queda dese sindicato de intereses que é hoxe o PCE.

O chamado “Socialismo do século XXI” indubidablemente debe ter as simpatías e apoio das esquerdas europeas, mais no meirande dos casos, son procesos políticos estrictamente locais e non exportables. Sen ter en conta se este vai ter forza alén da vida política dos seus peculiares líderazgos, especialmente Hugo Chávez. Persoalmente, agás o caso de Bolivia – que pola confluencia dun partido histórico como o MAS e o movemento indíxena é o caso máis salientable e serio – espero que cando menos serva para consolidar a participación democrática dos seus pobos. O “voluntarismo revolucionario” é moi importante na acción política, pero as súas son revolucións democráticas – nacionais e antiimperialistas. Están máis preto das revolucións que levaron a estes países á Independencia, que o que en términos científicos podemos definir como socialismo.

Son, tamén, consciente que cando un anda a definir a súa propia alternativa, a intentar construír algo novo, o primeiro paso, é definirse a un mesmo en oposición a aquelo que se pretende substituír. Pero, está Ramonet nesa fase? Cal é a súa posición ante o fracaso do francés “Novo Partido Anticapitalista”? E do acordo do PS cos ecoloxistas franceses?

É moi difícil como vedes situarse nisto que se chaman os espazos electorais dos partidos da esquerda europea. En todo caso, o certo é que a pesar da crise, da falta de proxecto propio diferenciado en moitos casos, da necesaria refundación da socialdemocracia; historicamente (agás Italia e Rusia) e na actualidade, a maioría dos traballadores e dos sectores máis avanzados das clases medias, manteñen aos partidos socialistas e socialdemócratas como a súa principal referencia. España é un bo exemplo diso.

O problema radica en que o conxunto das esquerdas, todas elas, necesitan rexenerarse e traballar a prol diso que se chama o proxecto estratéxico da unidade das esquerdas. Historicamente Europa, e España tamén, avanzaron cando esa unidade foi real. No que estamos – deixando á beira a expresión electoral de cada un – é en términos gramscianos na necesidade da configuración dun novo bloque histórico que permita superar a crise social que padecemos nun sentir progresista. E ese novo bloque histórico só pode vir dada pola confluencia das esquerdas sindicais e políticas tradicionais, de todo aquelo positivo do movemento altermundialista, e da implicación e participación dos pobres e dos inmigrantes.

O proxecto, entón, é a refundación do conxunto das esquerdas, que precisamente por ser esquerdas son plurais. E os proxectos – sen menoscabo da necesaria crítica – constrúense en positivo e sumando.