Descamisados

Asistimos á constatación de que a crise é xeneralizara e afecta tamén á propia xustiza. Os ferroláns somos testemuñas do xuízo contra oito mariscadores, que xunto con centos de persoas en maio de 2007 protestaron en defensa da ría, fronte á entrada ilegal dos buques de GNL con destino a Reganosa.

Estes mariscadores son xulgados, máis son as primeiras vítimas, e quizais resalte o papel da fiscalía, que evidentemente, non está sendo tan eficaz en sacar á luz os escándalos políticos e económicos dese fracaso que supón a planta de gas, en Punta Promontorio.

A redución final, a un número moi pequeno de persoas acusadas, por parte da fiscalía é a evidencia da propia debilidade procesal do xuízo. Todo o mundo en Ferrol sabe da convocatoria feita nese día polo Comité Cidadán, e da participación de coñecidos dirixentes sociais, sindicais e políticos. Pretenden dar un escarmento aos mariscadores? Pois erran. Nestes tempos non son tolerables a volta dos xuízos políticos.

Alén do caso, compre unha profunda reforma que traia unha fiscalía independente do poder político e que a única presión sexa a democrática dos cidadáns. Tamén, a soberanía reside no pobo; e cando os poderes públicos son desafectos coas súas obrigas de defensa da súa sociedade, esta ten o dereito de rebelión. Algúns esquecen que o actual Estado democrático de Dereito, nace dos descamisados que derrocaron ao poder despótico.

Ver artigo no Diario de Ferrol.