Da casa de Ricardo Carvalho Calero queda realmente pouca cousa. Foi hai quince anos, no mandato do alcalde Vicente Irisarri, cando esa parcela xunto coas outras dúas lindeiras pasaron o patrimonio municipal, co obxectivo de ter uso cultural e veciñal. Tras o socialista pasaron pola alcaldía: José Manuel Rey Varela, Jorge Suárez, Ángel Mato e agora temos outro goberno da dereita.
A actual maioría absoluta do PP decretou unha intervención de urxencia, pero que non vai a resolver nada, excepto que os cascallos que quedan poidan ir parar á rúa San Francisco ou á Praza Vella. O argumento é que están á espera de aprobar o Plan Especial de Ferrol Vello, tendo como cuestión de fondo unha sentenza – de fai tres anos – do Tribunal Supremo que impide a suma de volumes.
O certo é que a casa está gafada. Tras quince anos, incluso indo pola “vía lenta”, é dicir coa intervención da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, isto tiña que estar resolto. Así que hai que preguntarse se resulta que para algúns é un problema o legado reintegracionista de Don Ricardo. Lembremos como, determinadas institucións do país, aproveitaron a pandemia do 2020 para ocultar a súa figura, facendo unhas Letras Galegas vergoñentas.
https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-02-12/a-casa-de-don-ricardo-836280.html