Apuntes de verán

Neste verán do vinte e seis hai cousas que seguen a pasar. Estamos enchidos dunha necesidade de desconectar da realidade imposta, de prescindir de tantas cousas que sóbranos e non dar por acreditado nada que poida facer variar ese rumbo da nosa vida, que por un intre consideramos baixo control.

Incluso para aqueles que xa lonxe quédanos as vacacións e estamos de volta ao noso traballo, este último parece máis laxo. Cunha necesidade de que as horas fichadas pasen pronto, para volver a esas outras que procuramos ocupar coa nosa xente. Acaso hai algo máis liberador que un viño e un pincho coa túa parella, nun tempo que non conta porque non se consume, como nos días de rutina?

A maiores neste mes de agosto, un tira – como non podía ser doutro xeito – dos libros que está por ler. Na miña mesa está a tradución ao galego de Medulia Editorial de Gabriel García Márquez: “Crónica dunha morte anunciada” e xa comezada a novela, antinovela ou contranovela de Julio Cortázar, “Rayuela”, que un pode ler deseguido a versión curta, até o capítulo 56 ou aceptar o xogo do autor e ir saltándoos (como propón no seu taboleiro de dirección), ata completar os 155. E así seguimos á espera das anunciadas choivas.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-08-22/apuntes-de-veran-874853.html

Gabo e Ana Magdalena

Como saben sinto fetichismo polos libros e as librarías. Creo que ter un ensaio, un poemario ou unha novela na man, de algún xeito, conéctanos non só coa capacidade creativa dunha determina persoa, senón que vai máis alá, até nos abrir a xanela a toda esa xeira de emocións que nos leva a soñar e habitar esa paisaxe de seres e cousas insondables, que diría o poeta Xavier Seoane de “Umbral de Vida”.

Así, cando anunciaron a edición póstuma da derradeira obra, inacabada, de Gabriel García Márquez: “En agosto nos vemos”, non puiden máis que ir reservar un exemplar. Unha novela que rende tributo á esposa de Johan Sebastian Bach, Ana Magdalena. Unha obra cunha protagonista feminina en exclusiva, unha derradeira novela que o Gabo quixo feminista.

Mais, un sempre pensa se nestes casos, cando o autor deixa constancia que considera que a obra en cuestión, máis inacabada, non cumpre o seu criterio para ser publicada, se hai que desobedecer a súa vontade. Á marxe dunha posible apreciación errónea do creador, é ben certo que non me queda máis que asumir as miñas contradicións, xa que ir á contra permíteme superar, aínda que sexa “brevemente”, o sentimento de orfandade que deixa en min o contador de historias…

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/gabo-e-ana-magdalena-4939654