Resúltame estraño que a literatura para nenos poida ser considerado un xénero menor. Antón Cortizas a define como aquela que tamén pode ser lida polos máis pequenos. A experiencia di que as nenas e os nenos son moi esixentes como lectores e, polo tanto, hai que encontrar as técnicas e as narrativas axeitadas. Hai que ir máis alá dos relatos para recuperar a nosa vida perdida ou aquela que non tivemos, como pasa na literatura de adultos.
Gianni Rodari fará nos anos sesenta do século pasado un longo periplo polas escolas infantís buscando respostas a como é que se inventan as historias. Buscará xogos nos que incluír como participantes plenos aos máis pequenos, onde estes non sexan simples consumidores, senón persoas que crean e producen valores e cultura.
Usar unha simple palabra e de cada letra dela derivar outras e, así, artellar un relato curto resulta ser unha base máis que suficiente para comezar a crear historias, pero – evidentemente – hai que lograr a participación e a plena identificación das nenas e dos nenos. A inspiración resulta ser filla de querer xogar coas palabras e da constancia. Un relato é como as ramas dunha árbore. Diso Rodari e a súa “Gramática da fantasía” saben moito.
https://kalandraka.com/gramatica-da-fantasia-galego.html
