Alborada de Rosalía

Haberá que volver á Casa da Matanza, a Padrón. Convertida en lugar de peregrinación ao igual co Rianxo de Castelao. En algún momento propicio, haberá que volver a visitar a Casa de Rosalía. Mentres, este domingo vinte e tres de febreiro estaremos celebrando o seu aniversario por todo o país. Será unha festa pero tamén unha reivindicación do seu legado e, por riba de todo, en defensa da lingua propia de Galicia.

Haberá en moitas casas e en moitos restaurantes ese “caldo de gloria” inspirado na súa poesía. Haberá música galega en moitas rúas coa súa “alborada” e haberá moita xente cun libro e unha flor reivindicando que seguimos a ser galegos, a pesar de aqueles que máis tiñan que defender os símbolos do noso país e da nosa cultura.

Benvidos á Galicia do século vinte e un. Démoslles a benvida a toda esa xente que vén de lonxe a esta terra de emigrantes. Moitos deles non retornaron xamais, pero estas novas xentes volven sobre as pegadas dos que marcharon. Por iso, permítanme dicirlles que tamén Rosalía pensa, fala e escribe cos seus acentos. Aquí a patria é matria, e escríbese con nome de muller. A vida, a paixón, vivir con dignidade, a modernidade, pasado, presente e futuro levan o seu nome: Rosalía.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/alborada-rosalia-5186494

O sol do verán

Esta semana, concretamente o día 23, celebramos novamente o Día de Rosalía. Esperemos que a proposta da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) de regalar un libro – no idioma propio de Galicia – e unha flor vaia formando parte de nós, cada vez máis. Por esa idea da conciencia crítica que facilita a lectura, por iso de que Rosalía de Castro é un dos grandes símbolos nacionais da nosa terra. Esa Rosalía rompedora, feminista e transgresora das forzadas costuras da súa e da nosa época.

Permítanme volver sobre un autor preferido. Suxerirlles a derradeira novela escrita por Carlos Casares: O sol do verán. Unha historia de amor que evoca, traxicamente, o paraíso perdido dos vellos veráns familiares compartidos. Un canto á beleza, á plenitude da vida e da memoria, impregnado de melancolía e nostalxia.

O sol do verán, a derradeira novela do autor, entregada á Editorial Galaxia, no seu inesperado e derradeiro día de vida, hai xa vinte e dous anos. Amor, morte e beleza. Din dela que esta é unha obra de literatura auténtica, de paixón por comprender o tecido íntimo da existencia. A elección da flor para este día rosaliano, déixolla a vostedes e ás máis que axeitadas suxestións das nosas florerías.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/sol-do-veran-4728487

Rosalía

As galegas e os galegos temos á nosa propia Rosalía. Coherente coa nosa tradición o feito diferencial é que nós non falamos, simplemente, de pais fundadores do noso país. Rosalía de Castro é a gran matriarca, o símbolo que únenos a cada galega e a cada galego, de nacemento e de acollida, neste proxecto común e nacional que é Galicia. E como tamén niso somos diferentes, este 23 de febreiro, aquí, para celebrar o nacemento de Rosalía regalamos libros escritos na lingua propia do país e unha flor.

Así que xentes de pro. Xa saben, aproveiten en vaian ás librarías de Ferrol e da nosa comarca. Vaian a esas florerías que teñen preto. Pidan para regalar ese libro e esa flor. O feito merece a pena. Dicía Castelao que somos e seremos galegos grazas ao noso idioma, identidade única que ademais nos conecta alén do Miño e con medio mundo en cada continente.

Descubran á verdadeira Rosalía. Non esa que nos ensinaban de pequenos nos colexios chea de tópicos e prexuízos. Ela ten unha personalidade forte que racha coa sociedade do seu tempo. Primeira dos grandes autores literarios galegos, primeira dos grandes galeguistas, primeira do feminismo. Somos Rosalía, somos Galicia. Somos nación, modernidade. Somos Europa.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/rosalia-4187428

Unha flor e un libro

Foi moi interesante a campaña destes días atrás, co motivo do día de San Valentín, onde participaban florerías, Deputación e o propio Concello e o seu Centro de Iniciativas Turísticas repartindo por todo Ferrol unha morea de flores. Son campañas en apoio ao comercio local en positivo e que deben seguir a desenvolverse.

Pero, xa que estamos a xusto unha semana – o vindeiro mércores será o día de Rosalía de Castro – permítanme facerme eco da axeitada proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para ese día. Esta vez estarían implicadas as florerías e as librarías da cidade, porque do que se trata é de aproveitar o próximo 24 de febreiro para regalar, a alguén preto de nós, unha flor e un libro en galego.

Unha especie de San Jordi, pero con fondo sentir e raizame galega. Porque como tráenos a voz de Rosalía, “cantarte hei” porque estes son “os teus doces cantares”.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2623025/unha-flor-e-libro