Agora que xa quedan atrás o Nadal, os excesos e o xogo da aparencia da alegrías por decreto, igual Bertrand Russell faríanos a pregunta enunciada ao comezo desta columna de hoxe. Pero, previamente temo que, tal como están as cousas, haxa que lembrar que a persoa mencionada é un dos filósofos e Premio Nobel de Literatura máis importantes do século vinte.
Dicía el que a felicidade podía ser de dúas clases: a de corazón e a de cabeza. Que o prudente era non ser demasiado orgulloso, nin demasiado modesto nos nosos proxectos. Que o cinismo é unha mistura do confort e de pobreza. E que esta última leva ás persoas a crer que nada vale a pena e, así o confort, fai soportable a tristura que este razoamento provoca.
Pero, tamén consideraba que a fraternidade e a cooperación son esenciais para a felicidade da maior parte da poboación. Mais, a fundamental depende, sobre todo, dun interese non hostil polas outras persoas e polas cousas. É dicir, o secreto estaría en que os nosos intereses (sans) sexan os máis amplos posibles e que as nosas reaccións cara as cousas, os entretementos e ás persoas interesantes sexan positivas. Isto necesita, obviamente, do noso entusiasmo por todo iso que chamamos “vida”.
https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-01-15/e-posible-a-felicidade-830416.html