Un fogar asaltado

O mes de setembro amence coa violencia desatada na rúa Magdalena, onde tiraron abaixo a porta dun edificio e asaltaron unha vivenda.

O acontecemento desta fin de semana sobrepasa todo tipo de liña vermella. Na cidadanía hai a sensación dunha epidemia de violencia estendida ao centro da cidade, que considera produto de non asumir moitos as responsabilidades debidas. Sexa certo ou non, no ruxe ruxe dos faladoiros se pensa que para chegar a isto, antes tivo que crearse un clima de permisividade. Estamos na cara b dun ambiente de crispación esaxerada e de falta de respecto aos demais, a risco de normalizar brutalidades?

A cidadanía ferrolá necesita respostas axeitadas e así as diversas autoridades e organismos vense emprazados a buscar unha pronta solución ao mal ambiente xerado.

Hai unha xunta local de seguridade presidida polo alcalde, na que participan os tres corpos policiais presentes en Ferrol, que ten que lidar coas consecuencias que se derivan da sensación de inseguridade cidadá. A maiores, o goberno municipal debera implementar medidas para recuperar a convivencia e o civismo na cidade, necesariamente consensuadas cos outros partidos. A cidadanía quere tranquilidade nas súas rúas.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/fogar-asaltado-4980227

Incívicos

Hai un tempo que imos observando como a convivencia vaise deteriorando por comportamentos incívicos. Se andas por Ferrol podes sorprenderte vendo a alguén que leva consigo a nenos enriba dun patinete, ou che pasan por riba. É habitual ser testemuña de video conferencias a todo volume e, dá igual, tanto pode ser na rúa ou na sala de espera do ambulatorio.

Parece que estamos “recuperando” a eses coches que levan a música para toda a veciñanza ou a aquelas motos que fan tanto ruído que hai que taparse os oídos. E a carón destes comportamentos incívicos, vemos determinadas “pintas” que parecen sacadas de algunha película de Neflix.

O certo é que as normas básicas de respecto aos demais están sendo deixadas a un lado. Dinme que sempre vexo as cousas co mesmo filtro, talvez sexa así. Mais, levamos uns anos onde a chegada da extrema dereita e a súa política de bulos, insultos e acosos – e que estes non teñan castigo – fan que outros moitos pensen que eles tamén teñen bula.

Uns e outros son as dúas caras do problema. Retroaliméntanse. O que os primeiros reproducen na política e nas televisións (máis cando outros se suman de xeito irresponsable), provocan un “efecto chamada” contra a convivencia.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/incivicos-4860599

Vándalos

Levamos tempo sufrindo a falta de educación e ataques constantes á convivencia. Talvez, si hai un paso máis cos ataques que diversos comercios e negocios de hostalaría están a sufrir, especialmente no centro de Ferrol.

Mais, isto vén de lonxe. Resulta moi fácil crear un caldo de cultivo ás actitudes incívicas. Persoalmente, creo que teñen que ver cos dúas cuestións que van entrelazadas. Por unha banda, a degradación de todo o público, incluída a educación e que non é certo que da pandemia do Covid-19 saímos mellor. Hai un plan para degradar as bases materiais da democracia, como escusa para privatizalo todo. Así, cando todo sexa privado, seremos privados de aquelo que facilita a nosa vida e a igualdade da cidadanía.

O outro elemento central está no clima político abonado pola extrema dereita. Hai patente de corso para degradar a convivencia, para faltarlle ao respecto ás persoas. Así, hai quen pensa que todo está permitido, incluído facer dano aos comerciantes e hostaleiros de Ferrol. Evidentemente, a primeira medida é aumentar a presenza policial e poñer aos vándalos a disposición da Xustiza. As outras medidas son de máis longo prazo: recuperar o respecto ás persoas. A vida é traballo e esforzo.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/vandalos-4484822